
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, anunciou que o vindeiro ano se porá en marcha o novo Plan estratéxico de saúde dixital e transformación intelixente do sistema público de saúde de Galicia 2027-2030. O documento dará continuidade ao traballo desenvolvido ata o de agora e incorporará as capacidades tecnolóxicas emerxentes que marcarán a evolución do sistema sanitario galego.
Lobato realizou este anuncio durante a clausura, na Coruña, do II Foro de Intelixencia Artificial para o Sistema de Saúde, no que puxo en valor a capacidade das empresas galegas para innovar, colaborar co sistema sanitario, transferir coñecemento e desenvolver solucións con impacto real.
A secretaria xeral técnica tamén destacou o papel das universidades, dos centros de investigación e das capacidades de supercomputación, que sitúan Galicia nunha posición de fortaleza no desenvolvemento destas tecnoloxías. Neste sentido, salientou o recoñecemento que supón a elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Lobato defendeu a importancia de contribuír a definir como debe aplicarse a intelixencia artificial de maneira responsable para beneficiar os profesionais e a sociedade. Tamén incidiu en que o futuro da IA no ámbito sanitario dependerá tanto da evolución tecnolóxica como da capacidade de colaboración entre os diferentes actores implicados.
Na clausura do foro, a secretaria xeral de Sanidade sinalou que Galicia aspira a ser un territorio no que a intelixencia artificial se regule con responsabilidade, se desenvolva con talento, se despregue con garantías e se poña ao servizo da saúde e do benestar da sociedade.

