
A colección física completa de videoxogos en galego do Museo do Videoxogo (MUVI) será trasladada temporalmente a Santiago de Compostela para someterse a un proceso de estudo, análise e revisión do catálogo. A iniciativa desenvolverase en colaboración coa Biblioteca de Galicia e implicará a revisión individual dos materiais que forman parte da colección.
Xogos, edicións, plataformas, materiais e documentación serán analizados un a un como parte dos traballos de investigación e preservación do patrimonio relacionado co videoxogo galego. A colección atópase xa en Santiago para iniciar este proceso de verificación.
Como consecuencia do traslado, a área dedicada ao videoxogo galego no MUVI permanecerá temporalmente inaccesible ao público durante as vindeiras semanas. O museo aproveitará tamén este período para preparar os cambios e transformacións previstos neste espazo de cara a finais de ano.
Os traballos permitirán revisar e actualizar o catálogo físico conservado polo museo, ademais de avanzar na documentación e preservación histórica das edicións de videoxogos en galego.

