
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe en Ribadavia os 15 participantes na primeira edición de CanteirIA, un programa co que a Xunta busca fomentar que a mocidade galega desenvolva proxectos emprendedores mediante o uso de tecnoloxías dixitais innovadoras.
Durante o encontro, Meneses destacou a importancia desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desenvolvida ao abeiro do programa europeo Desafío Jovens, para facilitar que os mozos adquiran coñecementos no uso destas ferramentas como «aliadas para propiciar oportunidades de empregabilidade».
CanteirIA é un programa intensivo de emprendemento que combina ferramentas de intelixencia artificial, acompañamento especializado e traballo colaborativo co obxectivo de «transformar ideas emprendedoras en proxectos estruturados, validados e orientados á posta en marcha».
Durante catro días, no antigo Convento de Santo Francisco de Ribadavia, os 15 participantes traballan en proxectos propios ou integrados en equipos multidisciplinares. O programa abrangue desde a definición da iniciativa ata a creación dun produto mínimo viable e a elaboración dun plan de acción para garantir a súa continuidade.
Os participantes traballarán tamén sobre o modelo de negocio, os potenciais clientes e a proposta de valor de cada proxecto. Ademais, identificarán as principais hipóteses que deben validar e desenvolverán o produto mínimo viable con apoio de ferramentas dixitais, intelixencia artificial, deseño e tecnoloxías non-code.
A integración da intelixencia artificial e doutras tecnoloxías dixitais innovadoras é, segundo Meneses, «un dos elementos diferenciais» da iniciativa. Esta metodoloxía, sinalou, «sitúa esta iniciativa na vangarda das novas fórmulas de capacitación emprendedora» e favorece a adquisición de competencias demandadas no actual proceso de transformación dixital.
Presentación dos proxectos ideados
CanteirIA terá continuidade cun seguimento posterior, un mes despois de rematar a convivencia emprendedora. Nesa sesión, cada equipo poderá compartir o aprendido, analizar o que funcionou e recibir apoio para continuar avanzando.
A última xornada estará dedicada á presentación dos proxectos desenvolvidos durante os catro días. Os participantes explicarán a idea de partida, o problema que buscan resolver, a solución proposta, o modelo de negocio e os avances acadados. A xornada pecharase cun intercambio de experiencias e coa definición dos próximos pasos para continuar desenvolvendo cada iniciativa.

