
Turtle Beach amplía a súa familia de teclados mecánicos Vulcan II XP con dous novos modelos orientados ao público afeccionado aos videoxogos: o Vulcan II XP Air, con conectividade sen fíos, e o Vulcan II XP, con conexión por cable. Ambos comparten o deseño de perfil baixo da gama e incorporan interruptores Titan HS intercambiables en quente, iluminación Aimo RGB e integración co software Swarm II.
O Vulcan II XP Air combina conexión sen fíos de 2,4 GHz, Bluetooth e USB-A e permite alternar entre ata cinco dispositivos conectados. A súa batería de 6.000 mAh proporciona ata 95 horas de autonomía coa iluminación RGB e o sensor AirTrack activados, mentres que a duración pode chegar ás 2.000 horas con ambas as funcións desactivadas.
O teclado emprega interruptores lineais Titan HS Red prelubricados de fábrica, estabilizadores refinados e espuma interna para amortecer o son e conseguir pulsacións máis suaves. Para o xogo incorpora Full N-Key Rollover (NKRO), anti-ghosting, ReacTap SOCD, EASY-SHIFT[+] e Game Mode.
Un dos elementos diferenciais do modelo sen fíos é o sensor de xestos AirTrack, que permite controlar determinadas funcións multimedia, de audio e outros comandos compatibles mediante movementos da man, sen necesidade de tocar o teclado nin apartar a atención da partida. O sistema tamén detecta cando o usuario se afasta e pode reducir automaticamente a iluminación RGB para contribuír a prolongar a autonomía.
A configuración complétase cunha roda multimedia multifunción compatible con Windows Wheel, iluminación Aimo RGB individual para cada tecla, compatibilidade coa iluminación dinámica de Windows e cinco perfís integrados en Swarm II.

O Vulcan II XP con cable comparte boa parte destas características, pero ofrece unha alternativa de interruptor táctil Titan HS Brown ademais da versión lineal Red. Ambos os tipos están prelubricados de fábrica e teñen unha vida útil anunciada de 50 millóns de pulsacións. O modelo con cable tamén incorpora NKRO, anti-ghosting, ReacTap SOCD, EASY-SHIFT[+], roda multimedia, iluminación Aimo RGB e compatibilidade con Swarm II.
Os dous teclados están dispoñibles en branco e negro e xa admiten reservas anticipadas. O Vulcan II XP Air terá un prezo recomendado de 179,99 euros, mentres que o Vulcan II XP custará 129,99 euros. Ambos chegarán ao mercado o 25 de outubro de 2026 e cómpre salientar que entre as distribucións de teclas dispoñibles no figura o español.

