
O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria manterá durante o curso 2026-2027 Conversacións imaxinarias, un proxecto educativo que explora o papel da intelixencia artificial na construción e interpretación do coñecemento histórico. A iniciativa, integrada no programa de Educación e Mediación do Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ), desenvólvese en colaboración co artista Luis Camnitzer e o Museo de Arte Moderno de Bos Aires.
O proxecto parte de diálogos ficticios entre personaxes históricos creados con axuda da intelixencia artificial. Luis Camnitzer empregou esta tecnoloxía como unha «especie de máquina do tempo» para imaxinar conversas entre figuras como Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Maruja Mallo, Antía Cal ou María Barbeito, tomando como punto de partida as súas ideas e traxectorias.
O alumnado de Historia e Historia da Economía traballa con estes diálogos e cunha serie de exercicios deseñados por Camnitzer para trasladar a experiencia á aula. As conversacións permiten abordar cuestións como o exilio, a educación, a memoria ou o racismo, ao tempo que introducen unha reflexión sobre o propio uso da intelixencia artificial para representar e interpretar feitos e figuras do pasado.
Os materiais xerados no proxecto son documentos ficticios e non pretenden reconstruír conversacións reais entre as personalidades representadas. Precisamente esa condición serve para analizar criticamente como se constrúe o coñecemento cando unha ferramenta de intelixencia artificial xera novos contidos a partir da información dispoñible sobre unha persoa ou un período histórico.
A proposta continuará este curso no centro educativo de Sarria como parte de Manifiesto por la curiosidad, o programa de Educación e Mediación 2026-2027 do Centro de Arte FMJJ, que incorpora a experiencia como unha das súas iniciativas desenvolvidas directamente en centros educativos galegos.

