
Vitae, consultora tecnolóxica referente na mellora do rendemento, a axilidade e a eficiencia dos equipos profesionais, vai organizar este mes de outubro unha nova actividade formativa encadrada nesta busca da máxima excelencia a través das máis avanzadas ferramentas (por exemplo a intelixencia artificial). Estamos a falar do curso Implantación Profesional Avanzada de IA Local. Desenvolverase os días 20, 22, 27 e 29 de outubro e será de 12 horas de duración.
Segundo informa Vitae, “neste curso capacitarase para implementar un sistema local profesional privado a nivel empresarial de IA xenerativa e axéntica para dar servizo a todos os departamentos da empresa, incluídas as áreas de Tecnoloxías da Información e de Desenvolvemento de Software”.
Vitae salienta que a IA Local permite o control e aforro de custos, a seguridade da información e sobre todo a soberanía dos datos, “algo que cos provedores na nube non se consegue”.
Unha tecnoloxía que vaia a máis

O curso encádrase nun contexto de intelixencia artificial á alza. En 2025-2026, a IA pasou de ser unha ferramenta de asistencia (chatbot) a un sistema de axentes capaces de executar procesos complexos de forma autónoma. En Vitae explican que “este cambio de paradigma expón un desafío crítico: o reto de delegar tarefas nos axentes sen multiplicar os custos nin ceder o control da propiedade intelectual e a soberanía dos datos”.
Neste curso, concibido como un adestramento práctico de alto nivel, achegaranse unha serie de escenarios realistas doados de comprender para que as persoas participantes poidan vivir a transición crítica dunha organización que depende de APIs externas cara a unha que constrúe a súa propia infraestrutura de delegación soberana. O alumnado empregará ferramentas de código aberto (como Opencode ou OpenWebUI) conectadas a modelos IA despregados localmente para diagnosticar procesos, simular transición de asistente a axente e deseñar arquitecturas de infraestrutura local que resolvan problemas de soberanía e custe.
No curso exporanse todos os pasos para a implementación dun sistema profesional de IA en local privado, desde o seu deseño ata o uso por parte dos usuarios do sistema IA en local.
Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso.
Obxectivos

- Entender arquitecturas locais que garantan o control de custos, a soberanía de datos e a seguridade operativa.
- Establecer criterios para decidir que procesos deben migrar a infraestrutura propia.
- Comprender o cambio de paradigma de asistentes a axentes (Shallow Loops vs. Deep Delegation).
- Estudar técnicas da inferencia axéntica e calcular a súa TCO e ROI.
- Entender as técnicas de optimización (Quantization, MoE, Caching) para incrementar o rendemento da IA.
O curso está dirixido a perfís técnicos e de toma de decisións que necesiten liderar a transición cara á autonomía operativa mediante IA.
Docente: Petar Mimica
A persoa encargada de impartir os contidos será Petar Mimica, científico de datos e doutor en Astrofísica cunha traxectoria que combina o rigor da investigación de alto nivel coa aplicación práctica de intelixencia artificial en contornas corporativas. Especializado no despregamento de tecnoloxías de IA Xenerativa, liderou proxectos de implementación de modelos open source para garantir a confidencialidade e soberanía dos datos en sectores críticos como as enerxías renovables e o retallista. É especialista en arquitecturas RAG, fine-tuning de modelos e sistemas de visión computacional. Petar achega unha visión técnica profunda unida a unha probada capacidade de docencia e divulgación de conceptos complexos.
Amais, conta cun doutoramento pola Universidade de Múnic / Max Planck Institute e experiencia na xestión de proxectos de investigación e consultoría tecnolóxica de alto impacto en solucións nos sectores retallista, da construción, das enerxías limpas, da educación e da investigación académica.
Petar actualmente é Lead Data Scientist e AI Strategist desde hai 9 anos en Qindel Group.

