
John Ternus leva apenas unhas semanas como CEO de Apple, pero xa está a impulsar cambios para acelerar o desenvolvemento de produtos, ampliar a gama de dispositivos e reducir a estrutura organizativa da compañía, segundo Bloomberg.
As propostas que o novo máximo responsable está a estudar inclúen abandonar parcialmente o tradicional calendario de lanzamentos concentrado na primavera e no outono para introducir produtos ao longo de todo o ano. Ternus tamén pretende reducir niveis intermedios de xestión para achegar os equipos de enxeñaría aos directivos.
O obxectivo é que Apple desenvolva produtos con maior rapidez e adopte unha actitude máis experimental, especialmente ante o avance da intelixencia artificial. Os cambios, con todo, poderían tardar anos en aplicarse debido á complexidade dos procesos internos que a compañía mantivo durante décadas.

Ternus, de 51 anos, xa defendía unha estrutura máis reducida cando estaba á fronte da enxeñaría de hardware. Durante unha reunión con empregados argumentara que Apple debía contratar menos persoal e conseguir máis resultados cos enxeñeiros existentes. Esa filosofía está a traducirse agora en medidas concretas.
Nas últimas dúas semanas, a división de enxeñaría de hardware comezou a prescindir de varios responsables de programas de enxeñaría (EPM), unha figura que durante décadas coordinou calendarios e equipos implicados no desenvolvemento dos produtos. Entre os afectados hai aproximadamente media ducia de directores. Os empregados dispoñen de poucas semanas para atopar outro posto dentro de Apple antes de afrontar un posible despedimento.
Estas medidas forman parte dunha serie de recortes realizados nos últimos meses en diferentes equipos, acompañados da cancelación ou redución de proxectos considerados menos relevantes para os resultados económicos. Os axustes afectaron, entre outras áreas, Siri, o Vision Pro e diferentes equipos relacionados coa intelixencia artificial, nalgúns casos vinculados ao rendemento dos empregados. Tamén se produciron reducións no equipo de Fitness+, que estaba a traballar en versións exclusivamente de audio das súas clases.
A intelixencia artificial tamén aparece nos plans para reducir determinadas tarefas realizadas actualmente por empregados. Apple chegou a estudar durante o verán un plan para eliminar uns 5.000 postos de atención ao cliente de AppleCare mediante o uso de axentes de IA capaces de atender chamadas e consultas pola web. A iniciativa foi finalmente paralizada e actualmente non está previsto executar ese recorte, aínda que dentro da empresa non se descartan novas reducións de persoal a finais deste ano ou a comezos de 2027.

A presión para acelerar os prazos xa se está a notar nos equipos de desenvolvemento. Directivos e responsables de produto están a recibir o encargo de lanzar máis dispositivos, con maior frecuencia e en períodos máis curtos, nun momento no que tamén aumentan as esixencias sobre os orzamentos e o persoal.
A situación complícase polo incremento do custo dalgúns compoñentes debido á escaseza mundial de memoria. Apple elevou os prezos dalgúns produtos para compensar parte deste impacto, aínda que está a asumir unha parte dos custos para limitar o efecto sobre os consumidores.
O cambio de ritmo coincidirá cunha das follas de lanzamentos máis ambiciosas da historia recente de Apple. Para 2027 están previstos, segundo as informacións citadas por Bloomberg, uns AirPods con cámaras, as primeiras lentes intelixentes da marca e un iPhone redeseñado polo 20 aniversario do dispositivo. A intención de Ternus sería distribuír estes e outros lanzamentos ao longo do ano en lugar de concentralos nunha única campaña de outono.
A presión tamén chega pola evolución dos ingresos. Ternus, o responsable de servizos Eddy Cue e o director financeiro Kevan Parekh están a estudar novas fontes de facturación e formas de aumentar os ingresos xerados polos produtos e servizos existentes. O negocio de servizos segue a representar unha das áreas máis rendibles de Apple, pero o seu crecemento perdeu impulso: no trimestre de xuño os ingresos diminuíron respecto do trimestre anterior por primeira vez desde 2022, aínda que continuaron por riba dos do mesmo período do ano anterior.
Un calendario de lanzamentos máis frecuente permitiría incrementar as oportunidades de venda de hardware e, ao mesmo tempo, incorporar novos usuarios aos servizos do ecosistema de Apple. As medidas de redución de custos e reorganización interna están a avanzar en paralelo a esa estratexia.

