
Rockstar Games revelou novos detalles de Grand Theft Auto VI a través da nova cobertura de Game Informer, que dedica a súa portada ao xogo e afonda na recreación de Leonida, a versión ficticia de Florida que servirá de escenario para a aventura de Jason e Lucia.
Un dos elementos máis destacados será o sistema meteorolóxico. O xogo contará con tormentas tropicais e furacáns, aínda que Rockstar non especificou con que frecuencia aparecerán nin ata que punto afectarán á historia ou á xogabilidade. As tormentas combinarán nubes densas, vento forte, choiva intensa, tronos e lóstregos.

O sistema foi reconstruído para permitir fenómenos meteorolóxicos localizados e persistentes. Así, o xogador poderá atoparse baixo o sol nunha zona mentres observa unha tormenta noutra parte do mapa. Despois do seu paso quedarán charcos e superficies molladas, e determinadas condicións de iluminación permitirán ver arco da vella. O vento tamén afectará á auga, ao cabelo dos personaxes e aos obxectos que se atopen no escenario.
Leonida terá un mapa aproximadamente o dobre de grande que o de GTA V, pero Rockstar asegura que o obxectivo non é simplemente aumentar a superficie. A intención é incrementar a densidade, con interiores, tellados, rúas e outros elementos deseñados para que os edificios e as distintas zonas resulten máis detallados.
O territorio estará dividido en seis rexións: Vice City, Leonida Keys, Grassrivers, Port Gellhorn, Ambrosia e o parque nacional Mount Kalaga. A historia levará os protagonistas por diferentes partes do mapa para mostrar os contrastes entre as áreas máis acomodadas e as máis pobres. Ambrosia, por exemplo, será unha zona rural con fábricas e refinerías baixo o control dunha banda de motoristas.
Os desprazamentos tamén incorporarán unha nova opción de viaxe rápida. Os xogadores poderán utilizar vehículos de transporte compartido para atravesar rapidamente a cidade, aínda que estes percorridos non serán necesariamente en solitario. Durante as viaxes poderán coincidir con outros pasaxeiros e manter conversacións con eles ou, simplemente, consultar Snapmatic, a rede social ficticia do xogo.
Jason e Lucia non poderán publicar contido directamente en Snapmatic. A súa situación como fugitivos fai que manter unha actividade pública nas redes sociais supoña un risco para os protagonistas.
As actividades secundarias serán numerosas e incluirán salto base, billar, ximnasios, kaiak, minigolf, submarinismo, carreiras urbanas e todoterreo, visitas a zoolóxicos, navegación en airboat e motos acuáticas.

A fauna será outro dos elementos nos que Rockstar incrementou considerablemente o nivel de detalle. Leonida contará con máis de 170 especies animais, entre elas máis de 60 aves e máis de 30 mamíferos terrestres, ademais de peixes, réptiles e especies mariñas. Flamingos, manatís, pelicanos e caimáns convivirán con especies invasoras como iguanas verdes, sapos de cana, gatos asilvestrados e monos rhesus.
Os animais terán comportamentos diferenciados e sistemas gráficos específicos para reproducir características como a iridescencia, a bioluminescencia, a translucidez das especies mariñas e distintos tipos de plumas, pelo e pelaxe. No mar poderán atoparse diferentes especies de quenllas, medusas, baleas, tartarugas e raias, incluídas durante as inmersións submarinas.
Tamén regresará o seguimento de animais e haberá exemplares clasificados como raros, descubertos ou lendarios. Rockstar non revelou polo momento cales serán esas especies especiais. Unha imaxe da cobertura de Game Informer tamén mostra Jason achegándose a cervos cun rifle, o que apunta ao regreso da caza, aínda que aínda non se coñece a profundidade do sistema.
Os roubos ofrecerán diferentes posibilidades, desde actuar en parella ata facelo en solitario, e desde estratexias discretas ata enfrontamentos abertos. As decisións tomadas durante os atracos determinarán tamén o nivel de resposta policial. Jason e Lucia poderán tentar escapar xuntos ou separarse para repartir a presión das forzas da orde, pero se un deles queda atrapado, a partida rematará.
O roubo de vehículos tamén terá máis variables. Os modelos de gama alta poderán necesitar ferramentas específicas e incorporar sistemas de seguridade ou dispositivos de localización. Unha aplicación chamada WAiNK permitirá consultar información sobre o valor de reventa, os sistemas de seguridade e o custo necesario para converter un vehículo roubado nun vehículo persoal. Para vendelo será necesario recorrer a un perista.

As decisións do xogador tamén afectarán á relación entre Jason e Lucia. A relación poderá evolucionar cara a un vínculo romántico ou permanecer nunha amizade, con interaccións como citas, chamadas, mensaxes ou determinados xestos de proximidade.
Rockstar asegura ademais que as decisións, tanto importantes como pequenas, terán consecuencias na historia e na relación entre os protagonistas, polo que determinadas tramas poderán desenvolverse de maneira diferente en partidas posteriores.
A variedade tamén chegará aos personaxes non xogables. Haberá diferencias de altura, peso, pel, morfoloxía e outros trazos físicos, ademais de elementos como bronceado ou lunares. A roupa e os accesorios serán igualmente máis variados, e a vestimenta dos personaxes adaptarase á zona na que se atopen, incluíndo diferentes niveis de desgaste, sucidade e adaptación ao clima.

