
The Witcher 3: Wild Hunt — Remastered xa está dispoñible para PC, PlayStation 5, Xbox Series X|S e Nintendo Switch 2 como unha actualización gratuíta para os propietarios do xogo. A revisión introduce numerosas modificacións nos gráficos, o rendemento, o sistema de combate, a interface, o modo foto e a accesibilidade, ademais de incorporar novas ferramentas para a comunidade de mods.

A actualización moderniza o apartado visual mediante un modelo de sombreado mellorado, novas texturas e modelos procedentes de The Witcher 3 HD Reworked Project, iluminación e vexetación renovadas, novos efectos para as Señais e unha actualización do mapeo de tons. Tamén incorpora iluminación baseada en imaxes (IBL), unha nova implementación do Bloom, melloras nos reflexos e sombras en pantalla e sombras locais mediante trazado de raios.

En PC engádese compatibilidade con trazado de raios, nVIDIA DLSS 4.5 con Reconstrución de raios, AMD FSR 4 con xeración de fotogramas e Anti-Lag 2, e Intel XeSS 2.0 con xeración de fotogramas e baixa latencia. Tamén se incorpora HairWorks mediante trazado de raios e compatibilidade coa retroalimentación háptica do mando DualSense. O xogo emprega agora renderizado nativo con DirectX 12 e multithreading, polo que os requisitos de sistema tamén foron actualizados.
O sistema de habilidades foi redeseñado cun novo árbol no que as habilidades dispoñen de tres rangos e esixen outras habilidades como requisito previo para desbloquealas. Os cambios provocaron o restablecemento dos puntos de habilidade. Tamén se reequilibraron os valores, efectos e sinerxías das habilidades.
O equipamento pode agora ser reforxado visualmente para modificar o seu aspecto sen alterar as estatísticas. Esta opción está dispoñible cos mestres artesáns Yoana e Hattori, mentres que os tintes de Blood and Wine aplicados anteriormente se conservan nos obxectos.
O combate recibiu axustes no comportamento de numerosos monstros, mentres que Geralt e Sardinilla contan con animacións revisadas e movementos máis fluídos. A actualización incorpora tamén unha nova cámara de exploración cun campo de visión máis amplo e unha cámara dinámica para os combates, xunto con melloras no cambio de obxectivo, no movemento e nas interaccións coa montura.
A interface foi reorganizada con cambios no mapa, no sistema de botín e nas notificacións de misións. O minimapa permite ocultar herbas, barcos e cadáveres, mentres que o botín próximo pode agruparse nunha única xanela. Tamén se engadiu información sobre os obxectos recollidos e aumentouse o número de marcadores dispoñibles no mapa.
O modo foto é outro dos apartados que máis novidades recibe. Agora permite seleccionar distintos personaxes, aplicar poses e expresións, modificar o clima e a hora do día, utilizar preaxustes ambientais, gardar configuracións de cámara e cambiar a relación de aspecto das capturas. Tamén é posible activar unha cámara en primeira persoa, ocultar personaxes non xogables próximos, desactivar as colisións da cámara e engadir elementos de atrezo ás escenas.
A accesibilidade incorpora unha nova sección de configuracións e o preaxuste A balada do bardo, pensado para simplificar determinadas mecánicas e reducir a carga cognitiva. Entre as opcións dispoñibles están a rexeneración de vitalidade, o osíxeno ilimitado, a resistencia infinita do equipamento e das embarcacións, a eliminación do límite de peso, embarcacións máis rápidas e a activación ou desactivación dos sentidos de bruxo sen manter premido o botón correspondente.
Tamén se introducen melloras de calidade de vida, como titoriais máis concisos, a posibilidade de abandonar rapidamente un combate e a recollida de botín desde Sardinilla sen necesidade de desmontar.
A comunidade de modders dispón dunha nova ferramenta de compatibilidade multiplataforma integrada no propio xogo e baseada en mod.io, que permite explorar e instalar mods desde o menú principal. O REDkit tamén recibe melloras no motor e na interface para facilitar a creación e xestión de contido.
A actualización inclúe, ademais, numerosas correccións de erros e a localización dos textos en ucraíno. Hearts of Stone e Blood and Wine tamén forman parte desta actualización para os propietarios do xogo.
Segundo CD Projekt Red, Remastered naceu durante o desenvolvemento de Songs of the Past, a expansión de The Witcher 3 prevista para 2027. O proceso levou o estudio a ampliar progresivamente as melloras ata convertelas nunha revisión completa do xogo orixinal, lanzada agora de maneira gratuíta para os seus propietarios.

