
Non conforme con mudar de nome ao golfo de América ou ao lago Ontario, o presidente dos EE.UU., Donald J. Trump, decidiu abandonar a expresión Intelixencia Artificial (AI) na documentación oficial do Goberno federal estadounidense e substituíla por Súper Intelixencia (SI). A medida está recollida nunha orde executiva que define tamén un prazo de 60 días para propoñer unha definición federal específica do novo termo.
A orde establece que os departamentos e axencias federais deberán empregar Súper Intelixencia e SI nas comunicacións oficiais, páxinas web, informes, documentos de políticas e demais documentación non estatutaria. O texto indica expresamente que o Executivo «non recoñecerá» os termos Intelixencia Artificial e AI nos ámbitos aos que se aplica a orde.

A modificación é, inicialmente, terminolóxica. A propia orde establece que Súper Intelixencia e SI terán para estes efectos o mesmo significado que a definición legal existente de intelixencia artificial recollida no artigo 9401(3) do título 15 do Código dos Estados Unidos. As leis e documentos históricos non terán que ser modificados.
A Casa Branca xustifica o cambio pola evolución das capacidades dos sistemas actuais. A orde sinala que as tecnoloxías desenvolvidas actualmente xa non se limitan a «imitar ou automatizar aspectos concretos da intelixencia humana», senón que amplían as capacidades humanas e permiten novas formas de creatividade e aplicacións en ámbitos como a ciencia e a medicina.
O Executivo estadounidense pretende, ademais, converter a nova denominación nun concepto con respaldo legal. O asistente do presidente para Ciencia e Tecnoloxía deberá presentar nun prazo de 60 días unha proposta lexislativa que determine unha definición federal de Súper Intelixencia e SI. O documento deberá avaliar se esa definición debe modificar ou substituír a actual definición legal de intelixencia artificial e propoñer os cambios necesarios noutras referencias lexislativas.
A decisión forma parte dunha estratexia máis ampla coa que a Administración Trump pretende reforzar o liderado estadounidense nesta tecnoloxía. A folla informativa publicada pola Casa Branca vincula o cambio de nomenclatura con iniciativas como o Genesis Mission, para o que o Goberno asegura ter anunciado máis de 5.000 millóns de dólares, e co plan de acción sobre intelixencia artificial presentado en xullo de 2025.
A documentación oficial tamén presenta a Súper Intelixencia como unha tecnoloxía capaz de impulsar avances en ciencia, medicina, enerxía e manufactura. A orde, con todo, non establece novas capacidades técnicas nin crea unha categoría tecnolóxica diferente: para a súa aplicación inmediata, SI continúa abranguendo os sistemas que a lexislación estadounidense xa define como intelixencia artificial.
Ao acto de presentación da nova iniciativa da Casa Branca tamén acudiron os representantes de Google, Anthropic, Meta, OpenAI, xAI e nVIDIA, que asinaron un documento conxunto no que se comprometen a velar pola seguridade dos modelos fronteira.

