
Samsung presentou a nova serie de tabletas Galaxy Tab S12, formada polos modelos Galaxy Tab S12 Ultra e Galaxy Tab S12+, que combinan pantallas Dynamic AMOLED 2X, procesadores MediaTek Dimensity 9500, soporte para S Pen e novas funcións de Galaxy AI. A gama chegará a España o 7 de outubro con prezos desde 1.299 euros.
Galaxy Tab S12 Ultra é o modelo de maiores dimensións, cunha pantalla de 14,6 polgadas, mentres que Galaxy Tab S12+ incorpora un panel de 12,6 polgadas. En ambos casos trátase de pantallas Dynamic AMOLED 2X con resolución de 2960 x 1848 no Ultra e 2800 x 1752 no Plus, frecuencia de actualización de 120 Hz e ata 1.600 nits de brillo máximo. A función Vision Booster adapta o brillo ás condicións de iluminación.

O modelo Ultra ten un grosor de 5,1 milímetros e pesa 692 gramos na versión Wi-Fi (695 gramos na versión 5G). O S12+ queda en 5,3 milímetros e 553 gramos (555 gramos no modelo 5G). Ambos contan con certificación IP68 fronte á auga e ao po.
Funciona cun procesador MediaTek Dimensity 9500 fabricado con proceso de 3 nanómetros. Samsung asegura que a nova xeración ofrece ata un 61 % máis de capacidade de procesamento da NPU, un 19 % máis de rendemento da CPU e un 17 % máis de potencia gráfica fronte á Galaxy Tab S11 Ultra. A serie incorpora tamén unha cámara de vapor 3D destinada a mellorar a disipación térmica durante cargas de traballo prolongadas.
A batería é de 11.600 mAh no Galaxy Tab S12 Ultra e de 10.600 mAh no S12+, cunha autonomía de ata 23 e 21 horas de reprodución de vídeo, respectivamente. Ambos admiten carga de ata 45 watts, aínda que o adaptador debe adquirirse por separado. Samsung sitúa en aproximadamente 95 minutos o tempo necesario para pasar do 0 ao 100 %.
Conta con conectividade 5G, Wi-Fi 7 e Bluetooth 6.0 no Ultra, mentres que o S12+ ten Wi-Fi 6E e Bluetooth 6.0. O modelo máis grande dispón de configuracións de ata 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento, ademais de lector microSD de ata 2 TB. O S12+ chega ata 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento e tamén permite ampliar a capacidade mediante microSD.

As tabletas poden complectarse con accesorios como o Pro Keyboard, cunha tecla dedicada a Galaxy AI, e o Book Cover Keyboard Slim. A gama admite ademais ata sete xeracións de actualizacións do sistema operativo e parches de seguridade.

