
Os integrantes do novo Pacto Dixital de Galicia, do que forman parte a Xunta (a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), os clústeres sectoriais e 19 empresas, celebraron hoxe a súa primeira reunión de traballo no Centro GaiasTech da Cidade da Cultura, que foi presidida polo director da AMTEGA, Damián Rey.
Segundo lembrou Rey, o Pacto Dixital de Galicia ten como obxectivos principais “a especialización de Galicia en tecnoloxía e o fomento da economía do coñecemento, reducir a dependencia exterior promovendo a soberanía dixital e o software libre e traballar conxuntamente para aumentar as capacidades dixitais da cidadanía”.
Neste primeiro encontro, os integrantes do Pacto constituíron a primeira Comisión de Seguimento, da que formarán parte a Xunta, as dúas organizacións sectoriais (Clúster TIC e Ineo) e tres empresas que irán rotando anualmente. Ademais de diversos grupos de traballo sobre Da compra á colaboración: análise e evolución das mellores prácticas da contratación pública; Capacitación dixital para a cidadanía, Capacitación dixital do empregado público e dos profesionais do sector TIC; Soberanía dixital e software libre e Pacto Dixital.
A través da colaboración coas empresas, o Pacto traballará para a inclusión dixital, sobre todo das persoas maiores; o fomento de vocacións tecnolóxicas entre o alumnado; a formación en tecnoloxías innovadoras para estudantes o profesionais; o apoio a proxectos emprendedores e á creación de empresas; a promoción do talento feminino; ou a identificación de retos e solucións para a dixitalización da Administración pública.
Dende AMTEGA lembran que este Pacto Dixital substituíu ao que se asinou en 2013 que permitiu, entre outros logros, a instalación en Galicia de centros de emprendemento e innovación dixital de Telefónica e Vodafone, a creación dun Centro de excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC ou a posta en marcha do Plan DigiTalent para reducir e fenda entre a demanda e a oferta de talento dixital, para poñer en marcha iniciativas para escolares como Tecnólogos por un día ou para a creación de bolsas para prácticas en empresas TIC.

