
O vindeiro día 6 chega unha nova entrega das aventuras de Marcus Fenix, Gears of War: E-Day, título moi agardado polos seareiros desta saga de Xbox, que para vivir dun xeito máis inmersivo a experiencia de xogo poden facerse con algún dos accesorios inspirados no xogo.
Por unha banda é a propia Microsoft a que pon á venda mandos sen fíos de Xbox inspirados no xogo. Por unha banda temos o mando sen fíos Xbox – Gears of War: E-Day de edición limitada, que presenta unha estética moi acorde ao xogo, en cores negra e vermella, con algunhas transparencias e incluso con detalles moldeados en 3D e gravados con láser. Este orixinal véndese por 89, 99 euros.
Pero a cousa non queda aí, senón que tamén é posible personalizar o mando con Xbox Design Lab, elixindo entre unha variedade de estilos de botóns e cores dos diferentes elementos, quedando o seu prezo nun mínimo de 97,98 euros.
Teclado e rato de 8BitDo

Aínda que o xogo é exclusivo de Xbox, falamos dunha exclusividade para consolas, xa que o título tamén está dispoñible para PC, de aí que se entenda que 8BitDo tamén tivese a ben pór á venda accesorios inspirados no xogo.
Falamos concretamente dun teclado Retro 87 e dun rato R8, ambos cunha estética acorde co Gears of War: E-Day. O teclado mecánico está retroiluminado, con teclas extraíbles e numerosos botóns programables, e pode conectarse tanto mediante cable USB-C, como sen fíos (por Bluetooth 5.3 LE ou valéndose dun receptor), como tamén fai o rato, que inclúe unha base de carga que tamén fai de extensor de sinal. O teclado integra unha batería de 4.000 mAh, mentres que o rato ten unha batería de 450 mAh, polo que ambos ofrecen unha grande autonomía para garantir moitas horas de uso (ata 300 horas no caso do teclado e ata 105 horas no caso do rato).

