
A asociación Amicos e a empresa tecnolóxica Altia, con sede en Oleiros e centrada en solucións avanzadas de xestión e servizos de consultoría, volveron sumar forzas nunha nova xornada de restauración mariña que levou a colaboración entre ambas entidades ata as augas de Sálvora (Aguiño, Ribeira), no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Esta actividade permitiu ao equipo de Altia ver de primeira man o avance do traballo que desenvolven as e os activistas medioambientais de Amicos e participar directamente nunha nova acción de recuperación dos fondos mariños.
A participación de Altia nesta xornada dá continuidade á colaboración iniciada en 2025, cando ambas entidades asinaron un convenio para impulsar a formación e a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual en actividades vinculadas á conservación e restauración ambiental, así como para desenvolver accións de recuperación dos fondos mariños.

Esta alianza permite combinar a implicación dos profesionais de Altia con proxectos nos que as persoas con discapacidade intelectual teñen un papel activo e protagonista. Neste marco, os activistas medioambientais de Amicos participan en diferentes fases dos procesos de restauración, desde o traballo no laboratorio ata as actuacións desenvolvidas directamente no medio natural.
Ademais, comparten os coñecementos adquiridos con empresas, centros educativos e outros colectivos a través de accións de divulgación e sensibilización ambiental.
A directora de Sustentabilidade & ESG de Altia, Josefina Fernández, destacou que “colaborar con Amicos permítenos contribuír á recuperación da biodiversidade mariña e apoiar iniciativas que conectan a conservación do medio natural coa xeración de oportunidades e a participación activa de todas as persoas. Nesta empresa entendemos a sustentabilidade como un compromiso que debe traducirse en accións concretas, capaces de xerar valor para o medio ambiente e para as persoas”.
Pola súa banda, o director xeral de Amicos, Xoán España, incidiu na importancia “de apoios como os que nos ofrece Altia, así como a oportunidade de que as persoas con discapacidade intelectual compartan o seu traballo como activistas medioambientais. Estas colaboracións permiten avanzar en inclusión ao tempo que contribuímos á recuperación dos nosos ecosistemas mariños”.

A xornada comezou no Centro de Atención Integral de Amicos, en Boiro, cunha visita ao Laboratorio de Macroalgas. Alí, as e os activistas medioambientais explicáronlles aos profesionais de Altia o papel que desempeñan nos procesos de recuperación e restauración de especies mariñas como gorgonias, laminarias, himanthalias e zostera. Para desenvolver estas tarefas, reciben formación específica e participan nun proceso de preparación que lles permite adquirir os coñecementos e competencias necesarios para intervir nas distintas fases do proxecto.
A continuación, o grupo trasladouse ata as augas do Parque Nacional onde participou na solta de soportes de laminaria. A actuación permitiu trasladar ao medio natural parte do traballo desenvolvido previamente no laboratorio e dar continuidade aos labores de restauración dos bosques de kelp que Amicos desenvolve neste espazo.
A colaboración entre ambas entidades materialízase tamén en accións de voluntariado e sensibilización ambiental. Entre elas atópase a xornada desenvolvida recentemente na praia de Bastiagueiro, na que profesionais de Altia participaron xunto a activistas de Amicos na recollida, clasificación e análise de residuos mariños.

