
Hai algo máis dun mes anunciouse unha colección de pezas para o fogar de IKEA para celebrar os 25 anos de Xbox, e finalmente chegan os primeiros produtos da nova colección YXSTABY ás tendas españolas. Estes produtos buscan facilitar a configuración de espazos aptos para gozar dos videoxogos mantendo unha estética propia dun fogar, e fuxindo da estética gamer (na que imperan as luces LED de cores e os elementos rechamantes).

Os primeiros produtos dispoñibles en España son unha pequena vitrina para gardar os mandos de xogo, un asento con forma de panca de xogo, un coxín con forma de cruceta, unha bandexa para pousar os mandos, un soporte para o televisor con rodas, un soporte para o monitor, unha mesa auxiliar con rodas con espazo para agochar accesorios como os mandos de xogo, unha cadeira orientada ao seu uso para xogar e un soporte para un portátil gaming que integra un espazo de almacenaxe.
Son todos produtos con prezos bastante contidos e estéticas discretas, que buscan axudar a configurar os espazos do fogar destinados a xogar coa consola ou o ordenador, e aínda que a súa estética estea inspirada pola plataforma Xbox, de seguro que algúns dos produtos tamén resultarán axeitados para xogadores de consolas de Nintendo e PlayStation.

