
Os centros de investigación atlanTTic, CIM e CINTECX (Universidade de Vigo) renovaron os seus equipos directivos. Os catedráticos Francisco Javier González Castaño, Elsa Vázquez e David Patiño serán os novos responsables dos tres centros de investigación, trala elección celebrada onte.
No caso do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, o catedrático Francisco Javier González Castaño substituirá a Martín Llamas Nistal.
No Centro de Investigación Mariña, CIM, a catedrática Elsa Vázquez deixa o decanato da Facultade de Ciencias do Mar para asumir a dirección que ata agora correspondía a Daniel Rey.
No caso do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, será David Patiño o novo director, que toma a remuda de Ángeles Sanromán.
Obxectivo: reforzar a visibilidade de atlanTTic nas liñas nas que é líder

O catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Francisco Javier González Castaño asume a dirección do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, que forma parte da rede CIQUS, coa intención de continuar optimizando os recursos de investigación e reforzar a visibilidade do centro nas liñas nas que é líder nos ámbitos rexional, nacional e internacional, como a seguridade cuántica, as comunicacións avanzadas e os semicondutores III-V.
“Asumo a dirección de atlanTTic con moita ilusión, ambición e responsabilidade”, declara. Neste sentido, cómpre salientar que atlanTTic foi o centro TIC galego líder en captación de recursos en 2025, con máis de 19 millóns de euros captados.
Con máis de 200 profesionais, atlanTTic desenvolve a súa actividade investigadora en ámbitos como as comunicacións terrestres e espaciais, as tecnoloxías duais, os semicondutores III-V, as tecnoloxías cuánticas e a ciberseguridade.
González Castaño sinala que “atlanTTic é un centro que xera valor para a comunidade a través dunha investigación de excelencia no ámbito das tecnoloxías de telecomunicación e do seu compromiso coa transferencia de coñecemento. O reto é seguir facendo medrar atlanTTic, reforzando a súa capacidade investigadora e a súa proxección, e estreitando os vínculos coa sociedade e co tecido empresarial”.
González Castaño é investigador principal do Grupo de Tecnoloxías da Información, ten participado en numerosos proxectos de investigación e transferencia e é coautor de máis de 130 artigos en revistas internacionais.
A día de hoxe o seu traballo céntrase nas redes de comunicacións avanzadas e nas tecnoloxías duais intelixentes. Ao longo da súa carreira foi enxeñeiro en Televés, profesor no Department of Computer Sciences da Universidade de Wisconsin-Madison e cofundador do centro tecnolóxico Gradiant.

