
O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole acolle a vindeira semana o XIX Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos. É unha iniciativa promovida pola Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE) e a rede portuguesa TecParques (Associação Portuguesa de Parques de Ciência e Tecnologia). Esta edición, que se desenvolverá ao longo de dous días na nosa comunidade, está impulsada pola Consellería de Economía da Xunta. Reunirá a uns 25 parques de España e Portugal.
O Encontro Ibérico céntrase este ano nas tecnoloxías estratéxicas que están a redefinir a competitividade e a autonomía de España e Portugal: intelixencia artificial, sector aeroespacial, seguridade e defensa, aplicacións de uso dual e ciberseguridade.
Trátase de ámbitos que dende a organización do evento consideran “de crecente relevancia para a cooperación industrial, científica e tecnolóxica ibérica”, segundo fixo saber a Consellería de Economía, que lembra “que Galicia foi elixida como sede do Encontro Ibérico polo impulso que a Xunta lle está a dar a estes ámbitos mediante a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo 2025-2030”. Valorouse así mesmo a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia -CECIGA-, que se está a construír en Tecnópole. Considérase, ademais, que a nosa terra ofrece unha contorna especialmente axeitada debido á súa cooperación histórica con Portugal en proxectos de I+D+i.
O encontro inaugurarase o vindeiro martes día 6 en Tecnópole. Será unha xornada centrada na intelixencia artificial; na relevancia actual dos sectores aeroespacial, de seguridade e defensa; e no valor crecente das aplicacións duais. Tamén se tratará o papel fundamental da muller no eido tecnolóxico. Así mesmo, abordarase de xeito particular o futuro dos parques científicos.
O mércores 3 o encontro trasladarase a Santiago. A Cidade da Cultura é o escenario elixido para afondar na ciberseguridade, coa participación de expertos neste eido, xunto a representantes de empresas procedentes de diferentes parques científicos e tecnolóxicos de Galicia, España e Portugal.

