
Un equipo de técnicos de Ecos do Sur formou estes días en recursos para combater a desinformación a preto de 40 estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual (Campus de Pontevedra, UVigo), que traballarán ao longo do cuadrimestre na elaboración e difusión, a través das redes sociais, dunha serie de vídeos dirixidos a informar á cidadanía respecto destas cuestións.
Fano no marco dunha nova edición do proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, que coordina o profesor Alberto Dafonte e que arrincou con dúas sesións formativas impartidas por técnicos de Ecos do Sur na Facultade de Comunicación.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social, trátase dun ApS inserido nas actividades da materia Propaganda en medios audiovisuais, que busca que o alumnado poida comprender o fenómeno da desinformación e os seus efectos ao tempo que xera recursos cos que axudar a identificala e combatela. “O que implica un ApS é que ti fas algo que esperas que teña unha repercusión positiva na sociedade, polo que non o fas de costas á sociedade, senón que tratas de ter unha interlocución”, salientaba Dafonte no arranque desta iniciativa. Con ese propósito, o proxecto conta un ano máis coa colaboración de Ecos de Sur, “unha organización moi implicada na loita contra o discurso do odio e a desinformación”, destaca o coordinador do grupo de innovación docente Dixitais.
Dos axentes da desinformación aos seus mecanismos

Fundada en 1991, Ecos do Sur é unha asociación galega que centra o seu labor na loita contra as desigualdades e que desde 2016, traballa na prevención e abordaxe da desinformación e o discurso do odio en Internet, a través da súa liña CibeRespect.
A formación levouse a cabo de xeito presencial e comezou cunha sesión na que Emiliano Cossini, técnico de comunicación de Ecos do Sur, buscou afondar “en que están baseados e cales son os obxectivos” das loiadas ou os discursos de odio. A súa proposta, explicou, centrouse en analizar co alumnado a forma “na que comprendemos o mundo para que, en base a iso, poidan entender porque hai unhas persoas ou grupos que están interesados en facernos entender o mundo dunha maneira diferente, utilizando a desinformación”. Esta primeira sesión buscou tamén amosarlles “cales son os axentes” que a promoven e “os colectivos que a sofren máis e as consecuencias que lles atinxen”.
Na seguinte xornada, Emma Velo, coordinadora de mercadotecnia de Ecos do Sur, buscou achegalos aos “mecanismos psicolóxicos” que fan que este tipo de mensaxes teñan efecto e amosarlles “como diferenciar os tipos de públicos, segundo os seus valores”. Isto, explicou, permitiulles reflexionar sobre como determinadas mensaxes teñen efecto en certos sectores da poboación, mais seralles tamén de axuda á hora de “crear contidos específicos e atractivos para eses públicos”, facendo uso do “mesmo medio”, mais non co propósito de “manipular, senón de darlles ferramentas e xerar pensamento crítico”.
Dez vídeos ao longo do cuadrimestre

Dividido en sete grupos de traballo, o alumnado participante neste ApS deberá deseñar e difundir dez vídeos ao longo do cuadrimestre, nos perfís que crearon en redes sociais como TikTok e plataformas como Youtube. O primeiro deles estará dedicado a explicar que é a desinformación, mentres que as nove restantes deben pór o foco nas outras tres liñas temáticas do proxecto: os diferentes tipos de desinformación, os recursos narrativos e estratexias de distribución que posibilitan o espallamento deste tipo de contidos e as ferramentas de verificación que permiten rebatelos.
As pezas que desenvolvan nestes meses incorporaranse ao repositorio dixital deste proxecto, no que se reúnen os traballos realizados nas últimas edicións dunha iniciativa que Dafonte puxo en marcha no curso 2019/2020.

