
A Domus da Coruña acolleu o pasado venres a xornada Periscopio A Coruña. O papel da IA nos sectores culturais e creativos, un encontro que xuntou destacadas voces dos ámbitos da cultura, a tecnoloxía e a innovación para reflexionar sobre os retos e oportunidades que a intelixencia artificial presenta para a creación, a produción e a difusión cultural. A iniciativa veu da man da Fundación Contemporánea co apoio do Concello da Coruña e da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na cidade.
A xornada foi inaugurada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e pola directora da Fundación Contemporánea, Sara Magán. Durante a súa intervención, Castro destacou a aposta do Goberno de Inés Rey pola innovación como ferramenta para fortalecer o ecosistema cultural da cidade e promover espazos de diálogo sobre os grandes desafíos contemporáneos. “O desenvolvemento da intelixencia artificial abre novas posibilidades para a creación e a difusión cultural, pero tamén nos formula importantes preguntas éticas, profesionais e sociais. É fundamental que cidades como A Coruña participen neste debate e contribúan a construír un uso responsable destas tecnoloxías ao servizo da cultura e do coñecemento”, sinalou o edil.
A conferencia inaugural correu a cargo da escritora e investigadora Remedios Zafra, que aborda a relación entre creatividade e intelixencia artificial na charla Crear como traballo con, en e malia a intelixencia artificial. Ao longo da xornada analízanse tamén os efectos destas ferramentas na produción cultural, na relación cos públicos e nos modelos de creación artística.
Entre as persoas participantes destacan Alberto Gago, director da AESIA; o cineasta e artista Chino Moya; a directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Inmaculada Ballesteros; e o director creativo da Colección SOLO, Óscar Hormigos, entre outras voces especializadas do ámbito cultural e tecnolóxico.
O programa inclúe mesas de debate como IA, unha nova especie no ecosistema cultural e Co-creando con IA, nas que se analiza como estas tecnoloxías están a transformar as formas de crear, producir, xestionar e difundir proxectos culturais. A xornada complétase con obradoiros prácticos, espazos de networking e sesións de intercambio de experiencias entre profesionais de diferentes disciplinas.
Periscopio A Coruña culmina coa posta en marcha do hackatón Creadores culturais & tecnólogos, unha iniciativa que reunirá equipos multidisciplinares ata o próximo mes de decembro para desenvolver prototipos e explorar aplicacións prácticas da intelixencia artificial na xestión cultural, na creación de contidos e na comunicación de proxectos culturais.

