
Outubro comezou cun novo informe do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á axencia autonómica AMTEGA: unha investigación que pon o foco no nivel de implantación da intelixencia artificial no ámbito profesional. O informe constata o importante avance desta tecnoloxía disruptiva tanto na actividade empresarial como nas necesidades de contratación e formación.
Trátase do documento Galicia Dixital. Tecnoloxías Disruptivas nas empresas TIC de Galicia. Edición 2025.
Nel sinálase que en 2025, o 67,4 % das empresas TIC galegas utiliza IA ou tena incorporada nos seus produtos e servizos. Este indicador medrou un 76 % nun ano e multiplicouse por tres desde 2021, tanto no seu uso como na comercialización.
A investigación constata que entre as empresas que empregan IA, o procesamento da linguaxe natural é a tecnoloxía máis estendida, cun 75,1 %, e a aprendizaxe automática para a análise de datos chega ao 46,1 %. Os usos concéntranse nos procesos de produción (65,3 %), na mercadotecnia ou nas vendas (42,1 %) e nas actividades de I+D e innovación (38,9 %).
As dez tecnoloxías avanzan
A evolución é positiva nas dez tecnoloxías analizadas no informe. O Business Intelligence consolídase como a segunda máis estendida, presente xa nun 52,4 % das empresas e un avance anual de 3,8 puntos.
Pola súa banda, a Internet das Cousas chega ao 38,1 %, 1,5 puntos máis que no ano anterior, mentres a análise da información a gran escala (Big Data) sobe 1,6 puntos e acada o 36,6 %.
A robótica rexistra o maior avance relativo cun crecemento do 83,1 % e alcanza o 11,9 %, Entre as empresas usuarias, o 47,5 % combina robots industriais e de servizos.
Por outra banda, os chatbots experimentan tamén un forte impulso e chegan ao 48,8 % das empresas TIC, 12,4 puntos máis que en 2024. As tecnoloxías de telepresenza, realidade virtual, procesamento de imaxes e hologramas avanzan 5 puntos e alcanzan o 30,5 % do tecido empresarial tecnolóxico.
A tecnoloxía de cada de bloques (blockchain) sitúase no 45,8 %, cun incremento anual de 5,6 puntos.
A maiores, os xemelgos dixitais e a simulación chegan ao 28,4 %, 5,8 puntos máis, e a impresión 3D acada o 31,9 %, cun avance de 5,4 puntos.
Maior adopción nas empresas de máis tamaño
No informe indícase que o tamaño empresarial marca diferenzas na implantación dalgunhas tecnoloxías. A intelixencia artificial alcanza o 79,3 % nas empresas con 10 ou máis traballadores, 15,6 puntos por riba das de menor dimensión. No Big Data a diferenza é máis ampla: utilízano o 60 % das empresas de maior tamaño fronte ao 29,3 % das que teñen ata nove persoas traballadoras.
A Internet das Cousas tamén presenta unha maior implantación nas empresas con 10 ou máis traballadores, cun 56,9 %, fronte ao 32,2 % nas de menor tamaño. Nese segmento empresarial, os chatbots chegan ao 55,1 % e a cadea de bloques ao 51,1 %.
Demanda de talento
O avance destas tecnoloxías acompáñase dunha maior demanda de talento. A intelixencia artificial consolídase como a segunda área na que as empresas contrataron ou prevén contratar especialistas TIC, cun 28,8 %. Ademais, é a principal prioridade formativa para as empresas con especialistas TIC: o 66,5 % mostra interese nesta área, 7,4 puntos máis que en 2024.

