
Non son poucos os seareiros de Star Wars que botaban en falla xogos como o de carreiras de vaíñas que se inspirara no Episodio I da saga galáctica de George Lucas, polo que agora poden recibir cos brazas abertos a Star Wars: Galactic Racer, que sorprende porque, á vez que chega ás tendas, tamén está dispoñible en Amazon Luna. Os membros Prime con acceso ao servizo poden xogar desde hoxe á campaña para un xogador e participar en carreiras de alto risco por diferentes planetas do universo de Star Wars.
Desenvolvido por Fuse Games, estudio formado por veteranos de xogos de carreiras que traballaron en franquías como Burnout e Need for Speed, o título sitúa os xogadores nun circuíto clandestino e non autorizado de carreiras nunha galaxia moi, moi afastada.

A aventura transcorre nos primeiros anos da Nova República, cando a galaxia trata de recuperarse tras a caída do Imperio. Neste escenario nace a Galactic League, unha competición clandestina na que pilotos rivais, trazados perigosos e poderosos sindicatos se enfrontan por converterse nos máis rápidos.
Os xogadores encarnan a Shade, un piloto solitario que busca gloria e vinganza nunha aventura de carreiras estruturada en runs. Cada competición permite tomar decisións que afectan ao percorrido, desde escoller rutas e eventos ata seleccionar melloras e configurar o vehículo de acordo co estilo de condución.

A velocidade varía en función da clase de vehículo. Os landspeeders están pensados para os derrubamentos agresivos e as curvas suaves, mentres que as speeder bikes apostan por freadas intensas e aceleración explosiva. O skim speeder recompensa o impulso, as trazadas fluídas e a precisión en espazos estreitos. Os podracers, pola súa banda, ofrecen a maior velocidade e contan con carreiras exclusivas entre vehículos desta clase.
As competicións percorren escenarios coñecidos e novos do universo de Star Wars. En Jakku, os pilotos atravesan o Cemiterio de Xigantes entre Destrutores Estelares e AT-AT derrubados, mentres que Ando Prime pon a proba a capacidade para manter o impulso sobre superficies xeadas. En Sentinel I, os gases tóxicos e os ríos de ácido engaden novos perigos aos circuítos.

O xogo tamén recupera personaxes coñecidos da saga, entre eles Sebulba, o piloto Dug presentado no Episodio I, que regresa á competición xunto con novos pilotos e rivais.
A campaña permite desenvolver o piloto, probar diferentes vehículos e melloras e avanzar cara ao campionato da Galactic League. Ademais, o título incorpora os modos Arcade e Scenarios. O primeiro propón eventos breves nos que hai que competir contra o reloxo ou cumprir un obxectivo concreto cun vehículo determinado, mentres que Scenarios presenta desafíos máis longos con regras e personaxes diferentes.

