
Google presentou Playground, unha plataforma experimental que permite crear, xogar e compartir videoxogos personalizados a partir de instrucións escritas, sen necesidade de coñecementos de programación. O servizo emprega unha interface conversacional para transformar as ideas do usuario en xogos funcionais que se poden probar inmediatamente no navegador.
A creación parte dun lenzo en branco ou de propostas iniciais que o usuario pode modificar mediante indicacións de texto. É posible pedir cambios nas físicas, regras, personaxes ou escenarios e comprobar o resultado ao instante, mantendo o control sobre a dirección creativa do xogo.
Playground tamén incorpora un catálogo de creacións da comunidade que permite xogar desde o móbil ou o ordenador ao tratarse dun servizo baseado no navegador. Os xogos poden manterse privados, compartirse mediante unha ligazón ou publicarse na galería Explore. Determinados xéneros admiten partidas multixogador e clasificacións internas, mentres que os perfís de Play Games permiten empregar un identificador personalizado, marcar xogos como favoritos e seguir creadores.
A galería utiliza as valoracións dos xogadores e a actividade para destacar novas creacións. Os xogos publicados pasan por revisións de seguridade baseadas nas normas da comunidade e tamén poden ser denunciados polos usuarios.
O proxecto terá ademais unha integración con Unity Spark, destinada aos creadores que queiran levar as súas ideas a experiencias máis avanzadas. Esta conexión permitirá incorporar mecánicas de nivel profesional, gráficos 3D de maior fidelidade e as posibilidades do motor de Unity. Unity Spark atópase actualmente en probas e contará cunha beta pechada proximamente.
Playground está dispoñible desde hoxe en EE.UU. para usuarios maiores de 18 anos a través de playground.google, cun acceso á creación de xogos que se irá ampliando por niveis en función da subscrición a Google AI.

