
Xbox estaría a piques de pechar un acordo para obter os dereitos exclusivos de emisión por streaming de Grand Theft Auto VI, segundo fontes coñecedoras dos plans de Microsoft, compañía que estaría preparando así unha iniciativa arredor do novo xogo de Rockstar Games que, nas palabras da súa CEO, Asha Sharma, «ningunha outra plataforma está facendo».
De concretarse, só Xbox Cloud Gaming podería ofrecer Grand Theft Auto VI mediante streaming no momento do lanzamento, aínda que polo momento non transcendeu durante canto tempo se mantería a exclusividade. Rockstar tampouco anunciou unha versión para PC do xogo, polo que o acordo permitiría a Microsoft dirixirse a usuarios de ordenador que non dispoñan dunha Xbox Series X|S ou dunha PS5.
A operación encaixaría ademais cos cambios previstos para Xbox Cloud Gaming a partir de novembro, o mesmo mes no que está previsto o lanzamento de Grand Theft Auto VI. Microsoft anunciou que os subscritores de Game Pass Ultimate terán un límite de 15 horas mensuais de streaming, mentres que os usuarios de Premium disporán de 10 horas e os de Essential, de cinco.
A plataforma tamén incorporará en novembro unha modalidade de pagamento por uso que permitirá acceder ao xogo na nube sen contratar Game Pass. O sistema podería facilitar que usuarios sen consola, incluídos os que xogan principalmente desde teléfonos, accedan a Grand Theft Auto VI mediante a compra de paquetes de horas de streaming.
Durante a reunión interna, Sharma tamén avanzou detalles sobre Project Helix, a vindeira xeración de hardware de Xbox. O proxecto estará formado por unha «familia de dispositivos» e Microsoft colaborará con outras empresas no desenvolvemento dalgúns deles. A executiva xa empregara esta definición o pasado mes, despois de que Microsoft e AMD anunciasen unha asociación estratéxica plurianual para desenvolver unha carteira de dispositivos que incluirá a futura consola de Xbox.
ACTUALIZACIÓN: A información publicada por The Verge que daba conta da posibilidade de que GTA VI vaia estar presente no servizo de streaming de videoxogos de Xbox vén de ser matizada polo director de estratexia de Xbox, Matthew Ball, quen asegurou que o xogo chegará a Xbox o 19 de novembro pero indicando que non estará dispoñible de xeito exclusivo para streaming nin para PC, declaración que resulta sumamente ambigua, xa que non se entende se desbota a posibilidade de xogar na nube, ou se matiza que tal posibilidade non será exclusiva.

