
O videoxogo coruñés Portalén inicia o seu percorrido público no Saga BCN Game Fest, que se celebra do 9 ao 11 de outubro, cunha aventura de acción que combina o estilo matamarcianos con elementos musicais e unha ambientación baseada na cultura e nas lendas galegas.
Esta produción, desenvolvida por Recuncho Gamer e Brava, pon o xogador na pel de María Soliña, que viaxa a bordo da súa vasoira máxica para superar sete niveis e conseguir tres obxectos máxicos cos que poderá liberar o seu pobo do sufrimento e da chegada de Noitum, o Señor da Noite.
A aventura desenvolverase contrarreloxo por diferentes escenarios de Galicia, desde a Ría de Vigo, onde haberá que escapar dos piratas, ata montes, fragas e covas, ademais da lendaria cidade somerxida de Antioquía.

O apartado visual aposta por unha estética pixel art e incorpora criaturas da mitoloxía galega. A banda sonora mesturará composicións con toques electrónicos con novas versións de temas clásicos como Negra Sombra, Fuches ti ou Eu Chorei. A selección musical completarase con cancións de artistas galegos que serán anunciadas nas próximas semanas.
Portalén xa se pode reservar en Steam e conta coa produción de Brava e Recuncho Gamer, ademais da colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais.

