
A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) acordou participar en oito novos proxectos cinematográficos, seis longametraxes de ficción e dous documentais, no marco das súas obrigas de apoio ao sector audiovisual galego, coñecidas como o cumprimento do 6 %.
A selección realizouse tras a valoración das propostas por parte da Comisión Directiva de Avaliación, que tivo en conta criterios como o fortalecemento da industria audiovisual galega, a súa contribución á sociedade e o impulso dunha identidade cultural propia.

Entre as longametraxes de ficción figura Un deus que non baila, ópera prima de Pedro Díaz, producida por Serenade Cinema. O filme aborda a diversidade das relacións familiares e o choque entre tradición e modernidade, fe e liberdade, a través de tres xeracións de mulleres. O elenco reúne as actrices galegas María Vázquez e Ana Santos, a catalá Bruna Cusí e a debutante Irea Chouza.

Vaca Films participa con Sin huella, un thriller de acción sobre o impacto do progreso tecnolóxico no rural e o enfrontamento entre os intereses globais e a tradición. Pedro Alonso interpreta a Biel, un home que inicia unha investigación tras a morte da súa muller, que sospeita relacionada coa expropiación forzosa da súa vivenda. Isabel Naveira, Roque Ruíz, Manuel Manquiña, Edgar Costas e Chechu Salgado completan o elenco.
A terceira película de Paula Cons, Gloria e Olvido, é unha coprodución con Portugal que combina suspense, vinganza e humor arredor de dúas irmás xemelgas, interpretadas por Lucía Veiga e Victoria Teijeiro. Ambas rexentan un ultramarinos no que a aparición dun home reabre feridas do pasado e desencadea un plan para facer xustiza que acaba escapando ao seu control.

O director Juanjo Giménez, gañador da Palma de Ouro en Cannes pola curtametraxe Timecode, desenvolverá Pínkala, producida por Tres La Película Frida Nadir. A historia segue a Sam, un luthier cun don que o diferencia dos demais e dificulta a súa integración, mentres vive illado e coida do seu pai. O filme mestura fantasía, drama, elementos paranormais e humor, con Fran Lareu, Carmen Méndez, Cris Collazo e Yelena Molina no elenco. A compañía galega de danza Globo encargarase das coreografías.

Alumbre, de Zeitun Films, é unha coprodución con Suíza dirixida por Alejandro Tarraf. Cunha narrativa íntima e poética, o cineasta explora as raíces da súa liñaxe materna para afondar na identidade e no sentimento de pertenza. O equipo artístico combina intérpretes profesionais e non profesionais.
A selección complétase en ficción con Augas rotas, de Aguas Rotas La Película. Dirixido por Patxi Isasti, o filme sitúa a súa historia nunha vila costeira da Mariña, entre Burela e Cervo, nunha contorna marcada polo despoboamento e a actividade industrial. O suspense emocional parte das experiencias persoais do director e aborda as relacións familiares e a saúde mental. Tamar Novas, Melania Cruz e Carlos Blanco forman parte do reparto.

No apartado documental, Toxo, de Tamboura Films, supón a primeira longametraxe documental de Gael Herrera. O filme reconstrúe a traxectoria de Heliodoro Vicente Rodríguez e a historia do Sol Fuerza, un biocombustible ideado nun garaxe da Coruña que puido transformar a industria dos combustibles contaminantes. A obra adopta o formato de ecothriller para examinar as tensións entre innovación tecnolóxica, memoria histórica e intereses económicos no sector enerxético.
O segundo documental seleccionado é Afundidos: o naufraxio do Pitanxo, producido por Zebra Canarias e dirixido polo vigués Fernando Ureña. A longametraxe aborda a traxedia do pesqueiro Vila de Pitanxo mediante as testemuñas dos sobreviventes, as versións enfrontadas e a evolución do proceso xudicial. O relato combina a memoria das vítimas coa investigación xornalística sobre o afundimento e a procura da verdade e da xustiza.

