
Razer anunciou a nova familia de ratos Basilisk V4, encabezada polo Basilisk V4 Pro, un rato ergonómico para xogos que incorpora ata 14 controis personalizables, un sensor óptico de 50.000 DPI e conexión sen fíos cunha frecuencia de actualización de 8.000 Hz. O lanzamento chega acompañado da base de carga sen fíos Mouse Dock V2 Pro e dun modelo máis sinxelo, o Basilisk V4 HyperSpeed.

O Basilisk V4 Pro mantén o deseño ergonómico característico da familia, incluído o apoio para o polgar, pero introduce varios cambios na distribución dos controis. O gatillo multifunción sitúase agora nunha posición máis natural, ao que se engaden un terceiro botón lateral e un novo botón no bordo do botón principal esquerdo. A pesar destas incorporacións, o rato pesa 12 gramos menos que o seu predecesor.
A roda HyperScroll Tilt Wheel Gen-2 ofrece varios modos de desprazamento, desde un funcionamento táctil con 24 pasos ata outro máis preciso de 48 pasos. Tamén permite o desprazamento libre para percorrer grandes cantidades de contido con rapidez e pode alternar automaticamente entre os modos segundo a velocidade de xiro. A través do software Razer Synapse é posible configurar macros, perfís específicos para cada xogo e funcións secundarias para os botóns.

O sensor óptico Focus Pro 50K Gen-3 alcanza os 50.000 DPI, unha velocidade de seguimento de 930 polgadas por segundo e unha aceleración máxima de 90 G. A tecnoloxía Frame Sync coordina a lectura do sensor coa frecuencia de actualización do rato para reducir a latencia, mentres que o sistema Asymmetric Cut-Off permite axustar por separado as distancias de levantamento e contacto coa superficie. Os interruptores ópticos de cuarta xeración están preparados para soportar ata 100 millóns de pulsacións.
A conexión HyperSpeed Wireless Gen-2 admite unha frecuencia de actualización real de 8.000 Hz tanto no modo sen fíos como no cableado. O rato tamén incorpora Bluetooth 6.2, con capacidade para emparellarse con ata tres dispositivos, e permite alternar entre cinco opcións de conexión para facilitar o uso con diferentes equipos.
A iluminación Razer Chroma RGB distribúese en sete zonas, con iluminación inferior completa e opcións de personalización entre 16,8 millóns de cores. A autonomía alcanza as 200 horas mediante HyperSpeed Wireless Gen-2 a 1.000 Hz e as 275 horas por Bluetooth.

O Razer Basilisk V4 Pro chega xunto coa Mouse Dock V2 Pro, unha base de carga magnética que incorpora un transceptor de 8.000 Hz, iluminación Chroma RGB en oito zonas e un indicador do estado de carga. Tamén permite conectar ratos e teclados Razer compatibles mediante HyperSpeed Multi-Device, o que reduce o número de receptores necesarios no escritorio. O rato chega ao mercado o día 12 cun prezo que parte dos 179,99 euros (que se incrementaría en 40 euros coa base de carga magnética).

A familia complétase co Basilisk V4 HyperSpeed, unha versión sen fíos máis lixeira e simplificada. Pesa 94 gramos, dispón de 12 controis personalizables, incorpora o sensor óptico Focus X 33K Gen-3 e ofrece ata 140 horas de autonomía. Chega ao mercado o día 16 de outubro a un prezo que parte dos 119,99 euros.

