
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, na presentación da novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O certame conta coa colaboración da Xunta de Galicia e este ano reforza a proxección internacional do audiovisual galego.
O festival celebrarase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. As seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea.
A sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, con catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As obras abordan cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde perspectivas e linguaxes diversas.
A sección Galicia ofrece unha selección de ficción, documental, animación e experimentación con títulos como Uttervøid, de Blanca Rego; Moon Safari, de Hugo Amoedo; El Cuerpo de Cristo, de Bea Lema; Fun abalar a pedra que está no medio do mar, de Breogán Xague, e Avisa cando chegues, de Ángela Andrada. Fulgor, pola súa banda, reúne 14 filmes de produción española asinados maioritariamente por artistas e cineastas que están a comezar a súa traxectoria profesional.
A programación complétase con focos dedicados a Square Eyes e Eva Giolo, así como coas exposicións Órbita galega e Fulgor, na Fundación Luis Seoane.
A área de industria NEXUS reforza os espazos de encontro entre cineastas, produtoras, distribuidoras, exhibidoras e responsables de programación, coa participación de máis dun cento de profesionais.

