
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, entregou as Medallas Nacionais de Ciencia e as Medallas Nacionais de Tecnoloxía e Innovación a seis figuras destacadas da industria tecnolóxica estadounidense, resultando rechamante que outorgue premios científicos a persoas que realizan actividades empresariais (en vez de aos auténticos científicos detrás do pano). O acto celebrouse durante o cumio Science: A New Golden Age, organizado pola Casa Branca para impulsar unha nova etapa de liderado científico e tecnolóxico do país.
Entre os galardoados figuran Elon Musk, Sergey Brin, Jensen Huang e Lisa Su, recoñecidos coa Medalla Nacional de Ciencia, así como Michael Dell e Satya Nadella, que recibiron a Medalla Nacional de Tecnoloxía e Innovación.
Os premios distinguen contribucións destacadas á ciencia e á innovación. A Medalla Nacional de Ciencia entrégase desde 1963 a investigadores e científicos que realizaron achegas relevantes, mentres que a Medalla Nacional de Tecnoloxía e Innovación, creada en 1985, recoñece a innovadores cuxo traballo contribuíu ao desenvolvemento económico e á mellora da calidade de vida.





Elon Musk foi distinguido polos seus avances na exploración espacial, os sistemas intelixentes e as comunicacións, así como pola súa contribución á fabricación estadounidense. Sergey Brin recibiu o recoñecemento polo desenvolvemento de algoritmos fundamentais para a recuperación e o procesamento da información, que transformaron o acceso aos datos en ámbitos como a ciencia e o comercio.
Jensen Huang, director executivo de nVIDIA, foi premiado pola evolución das unidades de procesamento gráfico (GPU) cara a arquitecturas de computación de propósito xeral. As innovacións no deseño de procesadores e no software asociado permitiron impulsar a computación masivamente paralela, a investigación científica e os sistemas de intelixencia artificial avanzada.
Lisa Su, directora executiva de AMD, recibiu a medalla pola súa traxectoria na enxeñaría de semicondutores e na computación de alto rendemento. O recoñecemento salienta as súas achegas á arquitectura dos procesadores e á integración de chips mediante chiplets, tecnoloxías que contribuíron ao desenvolvemento do primeiro supercomputador de escala exa, capaz de superar o limiar de 1018 operacións por segundo.
Michael Dell foi distinguido polo seu papel na expansión da computación persoal e empresarial, pola creación dunha compañía tecnolóxica de alcance mundial e polo apoio ás novas xeracións de científicos e enxeñeiros. Satya Nadella, director executivo de Microsoft, recibiu o premio polo seu liderado na transformación da compañía cara á computación na nube e polo desenvolvemento de infraestruturas de gran escala que permiten adestrar e despregar sistemas avanzados de intelixencia artificial.
Michael Kratsios, director da Oficina de Política Científica e Tecnolóxica da Casa Branca, destacou a capacidade dos seis premiados para transformar os seus sectores e sentar as bases de tecnoloxías que hoxe resultan fundamentais. «Os innovadores como estes seis galardoados son os arquitectos do futuro», afirmou.
O cumio Science: A New Golden Age toma como punto de partida un informe publicado en xullo de 2026 pola Oficina de Política Científica e Tecnolóxica. O documento propón unha revisión das políticas científicas estadounidenses desde a publicación, en 1945, do informe Science: The Endless Frontier, elaborado por Vannevar Bush.
O texto analiza o crecente peso da industria no financiamento e desenvolvemento da investigación, así como a integración entre investigación básica e aplicada. Entre as medidas propostas figuran reforzar o apoio aos científicos nas primeiras etapas da súa carreira, impulsar grandes misións científicas, crear novos modelos de financiamento e organización da investigación e ampliar as infraestruturas destinadas a mellorar os procesos científicos.
O plan tamén inclúe a Genesis Mission, unha iniciativa orientada a ampliar o uso da intelixencia artificial na investigación científica. Durante o cumio, a Administración Trump prevé presentar novas medidas en colaboración con empresas privadas e institucións de investigación para avanzar nestes obxectivos.

