
Un total de 70 empregados públicos da Administración galega participan desde hoxe no Curso Superior sobre Protección de Datos, impartido pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e dirixido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Na apertura da formación, celebrada esta tarde, o director da AMTEGA, Damián Rey, salientou que a protección de datos e a ciberseguridade son dúas das áreas da modernización tecnolóxica e da dixitalización nas que a Xunta concentra máis esforzos e recursos. «As Administracións públicas somos depositarias dunha grande cantidade de datos da cidadanía e temos a obriga de garantir a súa seguridade e de que se faga un bo uso deles. E o persoal empregado público comparte esa responsabilidade e, o lóxico, é que lle poidamos proporcionar a maior e mellor información e formación», afirmou.
O curso afonda no coñecemento da protección de datos desde unha perspectiva tanto técnico-xurídica como práctica. O programa aborda cuestións como o marco normativo, os roles e as responsabilidades das Administracións públicas nesta materia, os dereitos da cidadanía, as autoridades de supervisión e o réxime sancionador.
A formación comeza cunha sesión presencial e continúa con sesións a distancia ao longo dos meses de outubro e novembro.
