
O mércores 21 de outubro a Cámara de Comercio de Santiago vai organizar unha nova actividade de transformación tecnolóxica ao servizo das pemes e das persoas autónomas, unha actividade que porá o foco nunha cuestión de vital importancia: a ciberseguridade.
Trátase da xornada Emprender con seguridade: aprende a protexer o teu negocio. Será a partir das 16.00 no local da Cámara no Polígono de Costa Vella, en Santiago. Terá tres horas de duración.
O obxectivo da xornada é ofrecer ás participantes unha visión práctica das principais cuestións xurídicas que deben considerar ao iniciar ou desenvolver unha actividade empresarial ou profesional. Facilitaranse pautas para protexer a marca e os activos intanxibles do negocio, previr e afrontar posibles copias, desenvolver unha presenza segura na Internet e cumprir as obrigas relacionadas coa venda en liña, a protección de datos, as comunicacións comerciais e o uso de ferramentas de intelixencia artificial.
O encargado de impartir os contidos será Ramón Rey García, avogado especializado en Propiedade Intelectual e Industrial, Dereito Dixital e Protección de Datos, con máis de trece anos de experiencia profesional. Director de Castelao Abogados, despacho especializado en dereitos de autor e novas tecnoloxías, é doutor en Dereito cum laude pola Universidade de Alcalá e Máster en Propiedade Intelectual por ICADE. Desenvolve tamén a súa actividade como profesor na Universidade Internacional da Rioxa (UNIR).
Trátase dunha xornada formativa enmarcada dentro do Programa Emprendedoras impulsado pola Cámara de Comercio de España dirixido a potenciar o emprendemento feminino, que desenvolve a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e conta co apoio financeiro do Fondo Social Europeo e o Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade.
