
O deputado provincial Ricardo Martínez participou esta mañá na primeira mesa de traballo do Plan Estratéxico de Transformación Dixital que está a elaborar a Deputación de Pontevedra, cun investimento próximo aos 180.000 euros. O documento establecerá a folla de ruta tecnolóxica da provincia para o período 2027-2030, a partir das necesidades dos principais axentes provinciais e dos retos que afronta a Administración local no eido das tecnoloxías da información e da comunicación. Nesta primeira sesión participaron representantes das distintas áreas e servizos da Deputación.
Martínez explicou que a intención é desenvolver «un proceso útil e que parta da realidade, das necesidades que existen e das distintas perspectivas das persoas que traballan cada día nos e cos servizos da Deputación». Para elaborar o documento, xa se iniciou unha fase de recompilación de información mediante entrevistas, cuestionarios e análise documental, co obxectivo de identificar as principais necesidades e os retos da transformación dixital.
A primeira mesa de traballo serviu para comprobar se as conclusións iniciais reflicten a realidade diaria das distintas áreas, detectar posibles necesidades que non se recolleran suficientemente e establecer as prioridades para os próximos anos. O deputado subliñou que a transformación dixital «non é falar unicamente de tecnoloxía, senón de como organizamos os procesos, compartimos información e aproveitamos os datos, de seguridade, de capacitación, de como conseguimos que as diferentes ferramentas e sistemas estean cada vez máis conectados e sexan máis útiles».
Esta será a primeira dunha serie de mesas nas que tamén se incorporarán as perspectivas da cidadanía, do tecido empresarial e dos concellos, co propósito de que a estratexia responda ás distintas realidades da provincia.
O plan busca impulsar servizos centrados na cidadanía e mellorar a súa satisfacción coa Administración local, así como avanzar na implantación do posto de traballo dixital, gañar eficiencia na xestión dos trámites administrativos, automatizar procesos e incorporar solucións máis áxiles.
A elaboración da estratexia inclúe unha análise da situación actual para identificar as necesidades de dixitalización da Administración local da provincia, o estudo de tendencias e boas prácticas doutros territorios e a definición de actuacións concretas que permitan desenvolver a transformación dixital entre 2027 e 2030.
