
Evestel, empresa tecnolóxica galega con sede en Vigo, é a desenvolvedora de SVA Aforos, a solución de Intelixencia artificial e Visión por Computador incorporada por Sirenis Hotels & Resorts ao Teatro Pereyra de Eivissa (Ibiza) para mellorar o control de aforos e optimizar a xestión dos seus espazos.
O Teatro Pereyra de Eivissa, propiedade de Sirenis Hotels & Resorts, está mergullado nun proceso de transformación tecnolóxica que acada agora un fito relevante coa implantación da dita IA desenvolvida por Evestel, que permite, en palabras da firma galega, “coñecer en tempo real a ocupación do Teatro Pereyra e analizar os fluxos de persoas que se producen durante as diferentes actividades e eventos”.
O sistema utiliza as cámaras de videovixilancia xa instaladas no recinto para transformar a información captada en datos operativos accesibles a través dunha plataforma web. Desta maneira, o equipo de xestión pode dispoñer de información precisa sobre o número de persoas que acceden e abandonan o espazo, os niveis de ocupación e os momentos de maior afluencia.
Segundo informa a firma de Vigo, “a ferramenta permite ademais analizar datos históricos e identificar patróns de entrada, saída e permanencia, así como as franxas horarias de maior actividade e a distribución dos accesos”.
A implantación de SVA Aforos realizouse sobre a infraestrutura de videovixilancia existente no Teatro Pereyra, sen necesidade de despregar un sistema independente. “Isto permite aproveitar as instalacións actuais e facilitar a integración da tecnoloxía na operativa habitual do recinto”, sinalan dende Evestel, engadindo que “un dos principais obxectivos do proxecto é dispoñer de información que contribúa a mellorar a seguridade, a planificación operativa e a experiencia das persoas que visitan o Teatro Pereyra”.
Así, a análise continua da actividade permite detectar posibles concentracións de público ou puntos de conxestión, identificar as franxas de maior presión operativa e dimensionar de forma máis eficiente os recursos necesarios en cada momento.

“Esta información pode contribuír a optimizar a organización do persoal, reforzar a xestión de accesos e saídas e mellorar a atención ao público durante os eventos”, sinala Toni Rise, director de Explotación do Teatro, engadindo que “a innovación forma parte da nosa maneira de entender a xestión dos nosos espazos. A incorporación desta tecnoloxía permítenos dispoñer de información obxectiva e en tempo real sobre a ocupación do Teatro Pereyra e comprender mellor como se comportan os fluxos de público durante os eventos. Todo iso axúdanos a tomar mellores decisións e a seguir mellorando tanto a seguridade como a experiencia dos nosos visitantes”.
SVA Aforos está deseñada para analizar os fluxos de persoas sen necesidade de identificar individualmente a quen accede ao recinto. A solución transforma automaticamente as imaxes captadas polas cámaras en indicadores de ocupación e movemento, sen utilizar recoñecemento facial nin xerar perfís individuais. A información trabállase de forma agregada e permite obter unha visión global do funcionamento do espazo sen identificar as persoas.
