
A Xunta porá en marcha nos vindeiros días a aplicación móbil EMi, unha ferramenta de intelixencia artificial coa que o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) xa realizou o perfilado competencial de máis de 119.000 persoas. A nova aplicación reforzará os servizos de orientación laboral con recursos como un xerador de currículos adaptados a cada posto de traballo e un adestrador de entrevistas con simulacións baseadas na IA.
O Consello da Xunta analizou as funcionalidades da aplicación, vinculada ao software que emprega o SPEG para realizar o perfilado competencial. EMi substituirá a actual aplicación Mobem, que permite realizar xestións básicas relacionadas coa demanda de emprego, e estará plenamente operativa nas próximas semanas.
Unha das principais novidades é que EMi estará dispoñible para toda a cidadanía, non só para as persoas demandantes de emprego. Os usuarios poderán descargar a aplicación na tenda de iOS nos vindeiros días, mentres que a versión para Android chegará nas próximas semanas.
O xerador de currículos guiará os usuarios na elaboración dun documento adaptado a unha ocupación concreta a partir das competencias e da experiencia que acheguen. Co apoio da IA, seleccionará as habilidades máis axeitadas e proporá unha descrición do perfil persoal e da traxectoria profesional para mellorar as posibilidades de acceder ao posto desexado.
O adestrador de entrevistas combinará consellos prácticos con simulacións nas que un asistente de IA actuará como entrevistador. A ferramenta adaptará o exercicio ao obxectivo profesional e ao nivel de dificultade elixidos. Ao rematar, ofrecerá unha valoración e recomendacións para mellorar o desempeño, que quedarán rexistradas no historial da aplicación e poderán consultarse posteriormente ou enviarse por correo electrónico.
EMi permitirá tamén elaborar un perfil de coñecementos e competencias a partir da experiencia profesional indicada polo usuario. A partir desa información, recomendará ocupacións relacionadas e identificará cantas competencias sería necesario desenvolver para acceder a cada unha delas. O perfil poderá completarse ou modificarse en calquera momento.
A aplicación incorporará datos do mercado laboral por ocupación e territorio, co obxectivo de coñecer que postos de traballo están a xerar contratacións nunha zona determinada antes de decidir que formación cursar. Ademais, contará cun buscador de ofertas de emprego e de cursos dispoñibles, así como con accesos para solicitar cita previa nas oficinas de emprego e inscribirse nas actividades formativas.
Mellora da atención á cidadanía
Desenvolvida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), EMi reforzará a atención dixital relacionada coa demanda de emprego e a orientación laboral. A aplicación complementará o servizo presencial das 54 oficinas do SPEG e facilitará a toma de decisións sobre emprego e formación.
A súa posta en marcha forma parte do proceso de modernización e ampliación das canles dixitais do Servizo Público de Emprego de Galicia, que inclúe a orientación laboral por videoconferencia, os simuladores de entrevistas de traballo con intelixencia artificial e as melloras da Oficina Virtual de Emprego para realizar novos trámites. O SPEG conta tamén con caixeiros de autoservizo nas súas 54 oficinas para facilitar as xestións máis habituais.
