
O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (COETTGA) está a ultimar os detalles do ForoTelecos Galicia, que organiza xunto coa AGGETT o venres 16 de outubro no Palacio de La Oliva de Vigo, baixo o lema Telecomunicacións que conectan vidas.
O Colexio, a través do seu decano José Manuel Martínez Pérez, explica deste xeito as razóns que motivaron a elección do lema deste ano: “A tecnoloxía e as telecomunicacións están a transformar o avance da ciencia e a medicina: permiten diagnósticos máis rápidos, unha atención máis conectada e novas solucións capaces de salvar vidas. Cando unha rede funciona, ninguén se lembra dela. Cando falla, nótase nunha consulta, nunha urxencia ou nunha ambulancia. Telecomunicacións que conectan vidas quere dicir iso: enxeñería que está ao carón das persoas cando máis a necesitan”.
O decano engade que o foro é ante todo dos graduados e enxeñeiros técnicos de Telecomunicación, profesionais altamente capacitados no deseño, a implementación e o mantemento de sistemas de comunicacións e de tecnoloxías da información: “Os telecos galegos somos próximos e, á vez, dunha excelencia técnica que se nota fóra de aquí: hai graduados e enxeñeiros técnicos galegos en postos de responsabilidade das principais empresas tecnolóxicas do mundo. E estamos en calquera área que se nos ocorra, da sanidade ao transporte, da industria ao turismo, porque onde hai tecnoloxía, hai un teleco”, apunta o decano.
A xornada técnica: que cobertura móbil hai de verdade

Ao 18.00 h ábrense as portas e ao 18.10 h empeza a xornada técnica DriveTest Galicia 5G, que conduce Santiago Moroño, da xunta directiva do COETTGA. Presentará o estudo de campo que a AGGETT e o COETTGA realizaron este ano co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA): uns 6.000 quilómetros percorridos medindo sobre o terreo, con probas reais de drive test, a cobertura móbil nas diferentes tecnoloxías, con atención especial á itinerancia, nas principais estradas e traxectos ferroviarios de Galicia e coas operadoras que teñen infraestrutura propia.
O estudo mide a experiencia de usuario e a calidade de servizo que recibe quen viaxa, en movemento e cunha metodoloxía técnica, fiable e contrastada, co obxectivo de localizar as zonas con carencias reais de servizo e coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos europeos de conectividade.
“A Unión Europea fixou para 2025 unha cobertura 5G ininterrompida nas principais vías de transporte terrestre (Comisión Europea, 2016) e, para 2030, redes sen fíos de alta velocidade cun rendemento equivalente, como mínimo, ao da 5G en todas as zonas poboadas (Decisión (UE) 2022/2481)”, informa o Colexio, engadindo que os resultados publicaranse como datos abertos, para que calquera poida usalos e para facilitar a planificación de futuros investimentos e a mellora da conectividade, a seguridade viaria e o transporte.
“Medimos para saber que cobertura hai e deixamos os datos en aberto para que os use quen queira. Nunha estrada ou nun tren, a cobertura é moito máis que comodidade, e por iso queremos datos reais para decidir onde investir”, explica o decano.
O colexio aproveitará o foro para “dicir en voz alta o que pide”. En edicións anteriores defendeu “unha Consellería de Telecomunicacións; a incorporación de graduados e enxeñeiros técnicos de telecomunicación en todos os ámbitos da Administración, tamén nas entidades locais, supramunicipais e autonómicas; e máis visibilidade da profesión entre a mocidade e as mulleres”. En 2024, o decano pediu ademais “humanizar as telecomunicacións e reducir a fenda dixital”.
Unha noite de gala para os telecos

O ForoTelecos naceu en Vigo en 2020 como un encontro de profesionais TIC onde se comparten coñecementos. Ao seu abeiro analízanse tendencias e recoñécese o bo facer e a innovación dos seus profesionais. Pasou polas catro provincias galegas e volve á cidade onde empezou. Nas súas edicións participaron altos cargos do Goberno de España e da Xunta, representantes de todas as administracións, parlamentarios e senadores, e en 2025, durante a gala, unha deputación provincial anunciou unha colaboración pioneira co COETTGA para mellorar as telecomunicacións do rural.
A velada segue ás 20.00 h coa recepción de autoridades e o cóctel de benvida; ás 21.00 h será a entrega dos Premios Enxeño 2026, e ás 21.45 h celebrarase a cea de gala, cun encontro de networking.
“É a noite na que a profesión se reúne para verse, recoñecerse e celebrarse: colegas, empresas e administracións na mesma sala, con representantes das administracións estatal, autonómica, provincial e municipal”, salientan dende o Colexio, engadindo que “os Premios Enxeño naceron co foro”. Segundo o COETTGA, o que os distingue é “quen decide”, e de feito son os propios profesionais das telecomunicacións quen recoñece aos mellores proxectos. En edicións anteriores premiaron traxectorias profesionais, iniciativas empresariais, investigacións que chegan á empresa, traballo nas administracións e talento novo, ademais do Enxeñeiro do Ano.
Os premiados de 2026 coñeceranse na gala.
A VII edición conta coa colaboración institucional da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo, e co patrocinio de PITT e Allied Telesis (platino); Cellnex, Orange e Palo Alto Networks (ouro); e Televés, Gradiant e Centum (prata).
