
A Universidade de Vigo compartiu a súa (completa) axenda de actividades de divulgación científico-tecnolóxica para este curso, accións encadradas no VI Plan Ciencia de ida e volta, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia. Ao longo de nove meses sucederanse unha manchea de citas de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas de Vigo, Ourense e Pontevedra.
O programa, que conta cun orzamento de máis 100.000 euros, dos que 30.000 proceden da FECYT, inclúe nesta edición dúas novidades. Por unha banda, unha dinámica de “citas rápidas”, un speed dating científico no que persoas investigadoras de diferentes ámbitos compartirán os seus proxectos co público xeral, que deberá escoller o proxecto co que máis conecte (match científico) e á persoa investigadora que mellor conseguise captar o seu interese (match divulgativo), tendo en conta aspectos como a claridade da mensaxe e a capacidade para atraer a atención do público.
Doutra banda, arredor da celebración do Día Internacional da Terra, o plan promoverá o divulgathon Lume e Vida, un foro de debate que reunirá persoas directamente afectadas polos incendios forestais (veciños e veciñas, brigadistas e colectivos locais) e persoas expertas da UVigo en ámbitos como a ecoloxía, a enxeñaría forestal, a socioloxía e a comunicación, que traballan actualmente en proxectos de investigación relacionados coa prevención dos incendios e coa recuperación dos ecosistemas. A programación arredor desta temática incluirá tamén intercambios científicos con alumnado de educación secundaria, con roteiros polos cinco laboratorios vivos do proxecto europeo LivingSoiLL (Healthy Soil to Permanent Crop Living Labs), así como un paseo arqueolóxico polas illas Ons, con visitas ás escavacións do Grupo de Estudos Arqueolóxicos e Antropolóxicos (GEAAT) da Universidade de Vigo.
Aberta a inscrición na formación Comunica a túa ciencia

As actividades do plan comezarán o 28 de outubro coa formación en liña Comunica a túa ciencia, cinco módulos de dúas horas orientados a desenvolver e mellorar competencias clave na comunicación social da ciencia. Cada módulo centrarase nun ámbito específico e contará cunha persoa formadora. Ademais, poderán cursarse de xeito independente, segundo os intereses e as necesidades de cada participante.
A inscrición xa está aberta para o primeiro dos módulos, Comunicar para conectar: mensaxe, corpo e voz, que afondará na construción e estruturación da mensaxe, no uso da narrativa aplicada á divulgación científica e na adaptación dos contidos ao tempo do que se dispón e ás características do público. Tamén abordará o corpo como ferramenta de comunicación, con especial atención á expresión corporal, á presenza física, á confianza e á preparación, así como ás técnicas vocais aplicadas á comunicación oral. A sesión estará impartida por Lara Capeáns, licenciada en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria na realización e edición de vídeo-clips e documentais, recoñecidos con varios premios internacionais.

As actividades do plan continuarán co gallo do Día da Ciencia en Galego, que se celebra o 4 de novembro, e que este ano chega á súa terceira edición dentro do plan, co obxectivo de poñer en valor a investigación e a divulgación na lingua propia de Galicia. Nesta ocasión publicarase un novo volume da Escolma de termos científicos, que incorporará terminoloxía dos ámbitos das matemáticas, a astronomía e a botánica. A iniciativa dá continuidade ao traballo de enriquecemento do vocabulario científico-técnico en galego iniciado en 2024 e busca facilitar o seu uso tanto na comunidade universitaria como nos centros educativos.
Máis actividades para achegar a ciencia á sociedade

A oferta complétase con iniciativas arredor do 11F, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, como as xornadas Elas Fan CienTec e Rachando Estereotipos, así como co relanzamento do Minicionario de Xustiza Social. Este último proxecto, impulsado en 2024 en colaboración con persoas investigadoras da Facultade de Educación e Traballo Social, retómase coa intención de actualizar os seus contidos e adaptalos a novos datos, retos e perspectivas.
Outra das novidades será a xira Quero ser investigadora, que suporá a dixitalización das seis edicións dos catálogos homólogos e dos materiais didácticos complementarios, así como das versións en lectura fácil e audiolibros. Ademais, haberá obradoiros de estimulación física e cognitiva con alumnado de educación infantil e persoas maiores usuarias de residencias e centros de día arredor da conmemoración do Día Mundial da Saúde.
A feira-exposición científica A ciencia que vén, prevista para o mes de maio, ofrecerá obradoiros e demostracións abertas á cidadanía a cargo de grupos de investigación da UVigo. Pola súa banda, o programa Embaixadoras e embaixadores da Ciencia e do Coñecemento, que se desenvolverá en xuño en colaboración co alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM), completará unha programación que combina actividades consolidadas con novas propostas para achegar a investigación á sociedade.
