
O Campus de Ourense (UVigo) acolleu onte a presentación da nova cátedra da Universidade de Vigo: a Cátedra Indra en Sistemas Aéreos Autónomos, unha iniciativa que nace co obxectivo de establecer unha colaboración continuada entre a empresa Indra Group e a UVigo en actividades relacionadas coa formación, divulgación, transferencia e fomento da I+D+i nos eidos da aviación non tripulada, os sistemas de guiado, os RPAS e os sistemas de aeronaves non tripuladas. Trátase dunha actuación que se enmarca ademais na aposta da Xunta de Galicia e Indra, en colaboración coa UVigo e a través da iniciativa Civil UAV, “por consolidar Galicia como un polo de referencia en innovación, desenvolvemento tecnolóxico e talento vinculado ao ámbito aeroespacial e dos sistemas non tripulados”.
Na presentación participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia; José Luis Albo, responsable de Indra Group en Galicia; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo; e Fernando Veiga, profesor da UVigo director da cátedra. Na súa intervención, Carmen García Mateo destacou que esta iniciativa “representa moi ben o modelo de universidade que queremos: unha institución capaz de aproveitar as súas fortalezas, conectada co tecido empresarial e que transforma o coñecemento en oportunidades reais para a sociedade”. Neste sentido, puxo en valor “o traballo que se está desenvolvendo desde Ourense, onde contamos cunha Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que conseguiu consolidar unha oferta formativa de grande atractivo e desenvolver capacidades docentes e investigadoras nun sector de enorme proxección”.
Pola súa banda, José Luis Albo, responsable de Indra Group en Galicia, explicou que “este acordo exemplifica o compromiso de Indra, como empresa Top Employer, coa procura de talento especializado que dá resposta ás necesidades derivadas do crecemento de cada un dos negocios de Indra Group, así como á súa expansión xeográfica, sendo Galicia un exemplo diso”. Esta empresa, engadiu, “busca ademais axudar e colaborar na formación no ámbito universitario ou profesional, epicentros que concentran o emprego para compañías como a nosa, e lugares onde contribuír á innovación tecnolóxica e ao desenvolvemento industrial para cada unha das nosas liñas de negocio”, remarcou.
Indra Group, lembran desde a entidade, é “a multinacional española de referencia e unha das principais compañías de Europa de defensa e dixitalización avanzada”. Conta cunha posición de liderado nos negocios de defensa, espazo, xestión do tráfico aéreo, mobilidade e tecnoloxías transformadoras, a través de Minsait, e integra en IndraMind as súas capacidades de IA soberana, ciberseguridade e ciberdefensa. Ao peche do exercicio 2025, o grupo tivo uns ingresos de 5457 millóns de euros, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países. A presentada este martes é a segunda cátedra da UVigo e Indra Group, xa que desde 2023 existe na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no campus de Vigo, a Cátedra Indra-UVigo en Enxeñaría e Tecnoloxía.
Impulso o sector aeronáutico galego

Na súa intervención, a conselleira María Jesús Lorenzana felicitou “á Universidade de Vigo e aos seus equipos académicos polo traballo desenvolvido no Campus de Ourense, pola consolidación da súa formación aeroespacial e pola súa capacidade para construír pontes coa sociedade e co tecido económico”. Igualmente subliñou que “é de agradecer a Indra a súa confianza na Universidade, no talento e nas capacidades da nosa industria” e desexou “que desta colaboración nazan novas actividades formativas, proxectos de investigación, ideas innovadoras e oportunidades profesionais”.
Por último, Fernando Veiga, destacou que “a Cátedra Indra en Sistemas Aéreos Autónomos é unha oportunidade excelente para traccionar a ciencia aeroespacial en Ourense”. Encadrada na Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia, indicou, “céntrase en aplicacións civís dos drons, como a loita contra os incendios forestais, o salvamento marítimo ou a inspección de infraestruturas”. Para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, engadiu, “é unha colaboración clave: achega ao estudantado traballos de fin de grao e de mestrado sobre problemas reais, prácticas e contacto directo coa industria, e convértese nunha ferramenta de captación e retención de talento, para que quen se forma aquí poida desenvolver a súa carreira aeroespacial en Galicia”.
Formación, divulgación, transferencia e fomento da I+D+i
A cátedra, tal e como recolle o convenio asinado para a súa creación entre a UVigo e Indra Group, xorde do interese mutuo destas dúas entidades de colaborar no ámbito docente e investigador no eido das súas actividades e especialmente na área de interese específica de estudo, deseño e tecnoloxía propietaria en computadores de guiado e sistemas de control avanzados, plataformas aéreas de nova xeración, así como a hibridación e electrificación de sistemas propulsivos e de misión. Ademais, con ela aspiran a “intensificar as súas relacións para visibilizar o potencial do sector aeroespacial no sector empresarial tanto entre o alumnado como entre o persoal investigador e fomentar a colaboración interdisciplinaria e o avance tecnolóxico entre o mundo empresarial e a universidade”.
No convenio propóñense unha serie de actividades de formación; de divulgación e transferencia; e de fomento da I+D+i, que servirán como marco de traballo durante a vixencia da cátedra. Tamén se contemplan actividades STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre o alumnado feminino para visibilizar o papel da muller no sector aeroespacial reducindo a fenda de xénero existente e a colaboración con asociacións de estudantes. Por último, no apartado de fomento do I+D+i, o convenio recolle propostas como analizar a viabilidade de concorrencia a convocatorias de doutoramento industrial e a realización de estudos en temas como a seguridade operacional de voo de drons; a redución do risco en terra de operacións con UAS ou a navegación aérea autónoma.
