
A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), en colaboración co Concello de Ferrol, organiza o curso Ferramentas dixitais e ciberseguridade, unha acción formativa gratuíta dirixida a persoas traballadoras por conta allea, autónomas e desempregadas.
Segundo explican as dúas entidades, a formación ten como obxectivo “mellorar as competencias dixitais das persoas participantes, facilitando o uso de ferramentas e servizos dixitais de utilidade tanto no ámbito profesional como no persoal, así como promover boas prácticas para unha utilización máis segura da tecnoloxía”.
O curso terá unha duración total de 20 horas.
Será impartido por Tagen Ata en modalidade de teleformación, sen aula virtual, “o que permitirá ás persoas participantes adaptar os seus horarios e a carga lectiva ás súas necesidades persoais”, apuntan COFER e o Concello de Ferrol, engadindo que a dedicación estimada ao curso é dunha hora diaria.
O programa formativo estrutúrase en tres bloques:
- O primeiro, dedicado á computación na nube, abordará o uso de servizos de almacenamento e traballo na nube, como Google Drive, Microsoft OneDrive e Dropbox, cunha duración de 10 horas.
- O segundo centrarase na creación e edición de documentos PDF mediante software libre, con cinco horas lectivas.
- As cinco horas restantes dedicaranse á ciberseguridade para persoas usuarias, con contidos relacionados coa creación de contrasinais seguros, a autenticación dupla e as copias de seguridade.
A iniciativa busca “contribuír á mellora das competencias dixitais e á adquisición de coñecementos prácticos que permitan aproveitar as posibilidades das ferramentas tecnolóxicas e reforzar a seguridade no seu uso cotián”.
A inscrición é gratuíta e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude a través da web de COFER.
