
O Salón de Plenos do Concello da Coruña acolleu onte un Tribunal de Convivencia cos nenos e nenas de 6º curso de primaria do CEIP Ramón de la Sagra, a segunda actividade de vista xudicial simulada dentro da programación previa ao congreso tecnolóxico DATAfórum Xustiza, que se celebrará na cidade entre o 21 e o 23 de outubro. A primeira actividade foi o pasado 1 de outubro na Audiencia Provincial co alumnado do IES Eusebio da Guarda.
No acto deste mércores participaron o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego; membros do persoal docente do colexio; a coordinadora do mestrado de avogacía da UDC, María Digna Braña, e varias alumnas da universidade; a xerente territorial de Xustiza de Galicia, Marta García Sande (en representación do Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes); a xuíza María Jesús García García; a fiscal María Nemiña Suárez, e persoal do Servizo de Educación do Concello.
A vista consistiu na simulación dun caso de acoso desenvolvido nun colexio ficticio da cidade, narrado polos propios nenos e nenas.
“Con este Tribunal, que rematará cun debate entre as nenas e nenos presentes, as institucións implicadas queremos sensibilizar ao alumando e á comunidade educativa sobre as consecuencias do acoso escolar e o ciberacoso. Todos e todas debemos traballar unidos para atacar de raíz este problema que, por desgracia, ocorre con frecuencia nos colexios e que non debemos silenciar”, apuntou Borrego.
DATAfórum 2026

O DATAfórum é o evento anual de referencia en España sobre a transformación dixital da Xustiza, que celebrará a súa quinta edición na Coruña do 21 ao 23 deste mes, e que reunirá a 180 expertos en dixitalización e Xustiza e máis dun milleiro de asistentes, na súa maioría profesionais do sector xurídico.
Segundo avanza o Concello da Coruña, o congreso abordará “cuestións clave” para o presente e o futuro da Xustiza, como a aplicación responsable da intelixencia artificial e outras tecnoloxías para axilizar este servizo público. O evento contará con relatores como a alcaldesa, Inés Rey, ou o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes Félix Bolaños, ademais doutros relatores destacados como José Ignacio Latorre, un dos maiores expertos mundiais en IA; a directora xeral de IA do Goberno de España, Aleida Alcaide; ou o catedrático en Dereito Procesual, Jordi Nieva. Tamén participarán conselleiros de Xustiza do Principado de Asturias, Navarra, País Vasco, Galicia e Canarias.
DATAfórum Justicia abordará a irrupción da IA na Xustiza desde múltiples perspectivas: como contribúe xa a axilizar este servizo público, como impacta no labor dos xuíces e avogados, se existen riscos para as garantías xudiciais e como debe controlala e regulala o Estado.
O programa tamén inclúe sesións sobre outros retos da Xustiza do século XXI, como os delitos de odio, a desinformación, a protección dos nosos datos ou o consentimento sexual na era dixital. Na última xornada, ademais, tres artistas falarán de transformación social e dixital desde as súas disciplinas: o cine, con Carlos Montero (guionista de series como Élite); a música, coa violonchelista Alejandra Díaz; e o humor, con Carolina Iglesias (@percebesygrelos en redes sociais).
