
Achegarse ao mundo tecnolóxico e ter un contacto directo con persoas que desenvolven a súa carreira profesional neste sector é o obxectivo da décimo quinta edición do Programa Tecnólog@ por un día, unha proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) pensada para estudantes de secundaria e bacharelato.
Coñecer desde dentro o día a día dunha organización tecnolóxica, acompañando durante unha xornada a profesionais da AMTEGA ou dalgunha das empresas TIC de Galicia participantes é o que persegue esta iniciativa dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos. A través das visitas, o alumnado poderá descubrir como funcionan os centros de traballo, coñecer proxectos reais e achegarse ás ferramentas, capacidades e coñecementos vinculados ás novas profesións dixitais.
Tecnólog@ por un día busca contribuír ao fomento das vocacións STEAM e ampliar o coñecemento da mocidade sobre as oportunidades profesionais relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, facilitándolle ademais un espazo no que resolver dúbidas e coñecer de primeira man diferentes perfís dixitais.
Engadir que esta proposta está inserida no catálogo de actuacións do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, orientado ao impulso da inclusión, a capacitación e o talento dixital en Galicia. Máis polo miúdo, enmárcase no seu terceiro eixo estratéxico, que reúne iniciativas destinadas a promover as vocacións desde idades temperás e favorecer o desenvolvemento de talento dixital avanzado en Galicia.
Nesta edición, ofértanse 63 prazas para participar en visitas ao Centro GaiásTech ou ás instalacións das empresas tecnolóxicas colaboradoras: Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA e Quobis.
Sinalar que a participación realizarase a través dos centros educativos. O persoal docente será o encargado de tramitar a inscrición dos alumnos e alumnas interesados en participar no programa, cun prazo aberto ata o 3 de novembro.
O formulario de inscrición estará dispoñible no espazo adicado a Tecnólog@ por un día na web DigiTalent, xunto coa documentación precisa. Para formalizar a solicitude deberá achegarse tamén a autorización de participación asinada polos pais, nais ou titores/as responsables do alumnado.
A mesma páxina reúne a información de referencia da iniciativa para docentes, estudantes e profesionais das entidades colaboradoras, incluídas as instrucións de participación e a relación das prazas dispoñibles, que poderán seleccionarse atendendo ás preferencias, á idade ou á localización do alumnado.
