
A revista Time dedicoulle a John Ternus a súa primeira portada exclusiva como máximo responsable de Apple, nunha entrevista na que aborda os desafíos que deberá afrontar. A publicación sitúa o novo iPhone Duo como un dos grandes símbolos desta etapa, ao coincidir coa maior transformación do deseño do iPhone desde o seu lanzamento en 2007.
O dispositivo encartable é tamén un proxecto ligado á propia carreira de Ternus. En 2011, el e outros cinco enxeñeiros de Apple presentaron unha solicitude de patente para dispositivos electrónicos con pantallas flexibles, cando esta tecnoloxía aínda estaba lonxe de ofrecer unha experiencia satisfactoria nun teléfono comercial.
O desenvolvemento do Duo esixiu anos de traballo conxunto entre os equipos de hardware e software. Os avances nos procesadores Apple Silicon permitiron crear un novo motor de pantalla para facilitar a transición entre os paneis interior e exterior. iOS tamén foi adaptado para situar os controis principais no lado dereito, favorecendo o acceso co polgar.
A bisagra integra máis de cen compoñentes de precisión e incorpora unha superficie desenvolvida cun polímero específico e unha tecnoloxía de nanotextura. O obxectivo é reducir os reflexos e minimizar a marca central que adoita quedar nas pantallas dos teléfonos encartables. Ternus defende que Apple quixo evitar as limitacións que, ao seu xuízo, afectaban os primeiros dispositivos desta categoría.
O iPhone Duo pode empregarse pechado como un teléfono de tamaño reducido e aberto como unha tableta. A pantalla interior permite reproducir películas, consultar páxinas web en paralelo e executar xogos táctiles con máis espazo. O sistema de dobre cámara tamén posibilita mostrar simultaneamente o usuario e o que está a ver durante unha chamada por FaceTime.
O prezo de partida, de 1.999 dólares/2.339 euros, sitúa o dispositivo nun segmento de mercado moi exclusivo. Apple confía en que a demanda de teléfonos encartables, especialmente forte en Asia, favoreza a súa adopción, aínda que o resultado comercial está por comprobar. O éxito do Samsung Galaxy Z Fold8 apunta a un interese crecente por este formato, pero o historial da marca tamén inclúe produtos con dificultades para atopar o seu público, como o Vision Pro.
A publicación estadounidense destacou o iPhone Duo nun especial no que recolle as 300 mellores invencións do ano 2026, e que no sector tecnolóxico fai unha selección máis que discutible, na que figuran unha chea de produtos que poderiamos considerar totalmente irrelevantes tanto técnica como comercialmente, dando a impresión de que estamos ante unha compilación que agocha unha intención comercial (disimulada coa incorporación dalgúns produtos claramente relevantes).
A figura de John Ternus

A elección de Ternus para substituír Tim Cook, que dirixiu Apple durante quince anos, responde á súa experiencia no desenvolvemento de produtos. O enxeñeiro mecánico incorporouse á compañía en 2001, aos 26 anos, despois de traballar nunha empresa de realidade virtual. Desde entón participou na evolución de liñas como Mac, iPad, AirPods e iPhone, cunha atención especial tanto aos procesos de fabricación como á experiencia de uso.
A diferenza de Cook, recoñecido pola súa capacidade para negociar con gobernos e xestionar cadeas de subministración globais, Ternus proxéctase como un perfil máis técnico e centrado nos detalles. Tampouco reproduce o estilo de Steve Jobs, que construíu unha figura pública arredor da visión persoal da tecnoloxía. O novo executivo pretende manter a cultura de deseño de Apple e concentrar os recursos naqueles elementos que considera capaces de diferenciar os seus produtos.
A intelixencia artificial é, porén, un dos seus maiores retos. Mentres Microsoft, Google, Meta, Amazon, nVIDIA e OpenAI invisten cantidades masivas no desenvolvemento de modelos avanzados, Apple quedou atrás na carreira pola IA xerativa. Apple Intelligence chegou en xuño de 2024, ano e medio despois do lanzamento de ChatGPT, e a compañía tivo dificultades para cumprir os seus plans dunha Siri máis personalizada.
A nova versión do asistente, lanzada nos Estados Unidos en setembro, utiliza un modelo de intelixencia artificial de Apple que aproveita a tecnoloxía Gemini de Google. Esta colaboración sitúa a firma nunha posición pouco habitual, ao depender dun competidor para unha función central dos seus produtos. Ternus, con todo, rexeita que esa decisión supoña abandonar a filosofía de integrar hardware, software e servizos. «Non existe realmente o obxectivo de fabricar absolutamente todos os elementos dun produto», explica. «Facemos as cousas nas que podemos ofrecer unha diferenciación real».
A estratexia pasa por priorizar a utilidade da IA integrada nos dispositivos fronte á potencia bruta dos modelos. Siri pretende aproveitar, co permiso do usuario, información repartida entre mensaxes, correos electrónicos, calendarios e documentos para preparar reunións, localizar confirmacións de voos ou interpretar datos de saúde recollidos polo Apple Watch.
«Todo na túa vida está no teu teléfono», afirma Ternus ao defender a vantaxe que supón integrar o asistente no sistema operativo e nos datos persoais. A compañía tamén presenta a privacidade como un dos seus elementos diferenciadores: as peticións procésanse no propio dispositivo sempre que é posible, mentres que as tarefas máis esixentes se derivan a Private Cloud Compute, unha infraestrutura deseñada para que as consultas non queden almacenadas nin sexan accesibles para Apple.
A dirección sostén que a IA debe funcionar como unha ferramenta práctica e non como un substituto das relacións humanas. Lilian Rincon, responsable dos produtos de intelixencia artificial, asegura que Siri non foi deseñada para actuar como unha compañía virtual nin para ocupar o lugar das conexións persoais. Esta orientación contrasta coa carreira por crear sistemas cada vez máis autónomos e capaces de realizar tarefas complexas.
A aposta polo hardware tamén se estende a novos produtos. O 13 de outubro, Apple anunciou HomeView, un centro de control para o fogar conectado baseado en Apple Intelligence. Ademais, Bloomberg informou de que a firma prepara unhas lentes intelixentes para 2027, aínda que non confirmou oficialmente os plans. Estes dispositivos poderían ampliar a presenza da IA máis alá do teléfono e do ordenador.
Ternus deberá afrontar tamén problemas de subministración e tensións xeopolíticas. A escaseza mundial de chips de memoria está a elevar os custos e a atrasar os calendarios de produción. O directivo considera que a situación constitúe unha crise e defende manter abertas todas as opcións para garantir o abastecemento, incluída a avaliación de provedores chineses, unha posibilidade que xa xerou críticas de senadores estadounidenses por motivos de seguridade nacional.
A dimensión da empresa dálle marxe para afrontar estes desafíos. Apple conta con 2.500 millóns de dispositivos activos e uns ingresos anuais próximos ao medio billón de dólares. A fidelidade dos seus usuarios e a integración entre os seus produtos continúan a ser vantaxes competitivas, mesmo nun mercado no que a IA está a alterar as prioridades de investimento.
Ternus considera que os dispositivos físicos seguirán ocupando un lugar central, mesmo se outras empresas conseguen desenvolver sistemas de intelixencia artificial moito máis avanzados. A súa estratexia consiste en concentrar os recursos nas funcións que mellor encaixen cos hábitos cotiáns dos usuarios, mentres Apple procura recuperar o protagonismo tecnolóxico que caracterizou algunhas das súas etapas máis influentes.
