
Un exemplar do Apple-1, o primeiro ordenador persoal premontado comercializado por Apple, estableceu un novo récord de venda ao acadar os 1.148.200 dólares (algo máis dun millón de euros) nunha poxa en liña organizada por Bonhams. O equipo, coñecido como Apple-1 Hatfield polo nome do seu primeiro propietario, Fred Hatfield, fora vendido en 2013 por aproximadamente 671.400 dólares.
O seu valor histórico vén reforzado polo bo estado de conservación, o funcionamento do equipo e a posibilidade de rastrexar a súa procedencia ata o comprador orixinal. A placa base está asinada por Steve Wozniak, co seu coñecido alcume Woz, e acompáñase dunha carta mecanografada e asinada por Steve Jobs en xaneiro de 1978, cando exercía como vicepresidente de operacións de Apple Computer.
A carta tiña como obxectivo ofrecerlle a Hatfield a posibilidade de entregar o Apple-1 a cambio dunha placa base dun Apple II con 4 KB de memoria. O propietario contactara previamente con Apple para queixarse das limitadas opcións de software dispoñibles para o seu ordenador. Aínda que Jobs lle autorizou o cambio, Hatfield decidiu conservar o equipo, unha decisión que décadas despois contribuiría a incrementar o seu valor como peza de coleccionismo.
A oferta de actualización non foi un caso illado. Tras a chegada do Apple II, Apple facilitou que os propietarios do modelo orixinal entregasen os seus equipos para acceder á nova xeración. Moitas das placas recuperadas acabaron en mans de empregados da compañía e perderon algúns dos seus compoñentes. Por iso, resulta especialmente valioso atopar un Apple-1 que manteña boa parte da configuración orixinal e conserve documentación vinculada ao seu primeiro propietario.
O lote poxado incluía a placa base de 1976, o microprocesador MOS Technology 6502 con encapsulado cerámico branco, 8 KB de memoria RAM, a interface de teclado e a conexión para unidades de casete. Tamén incorporaba a placa orixinal de interface de casete de Apple, tres condensadores Sprague orixinais, unha fonte de alimentación adaptada e varios periféricos da época, entre eles un monitor Koyo de 1977, un gravador de casete portátil Panasonic e dous teclados ASCII.
A documentación incluía o manual de operacións do Apple-1, o manual preliminar de Apple BASIC, o manual da interface de casete e unha invitación mecanografada para unirse ao Apple I Owners Club, fundado por Joe Torzewski.
O Apple-1 foi deseñado e construído artesanalmente por Steve Wozniak tras entrar en contacto co Homebrew Computer Club en 1975. A diferenza de moitos microordenadores da época, incorporaba os circuítos necesarios para xerar unha saída de vídeo, polo que podía conectarse directamente a un televisor ou monitor sen depender de sistemas adicionais complexos.
A comercialización comezou en 1976, cando Paul Terrell, propietario da tenda Byte Shop, encargou 50 placas premontadas a 500 dólares cada unha. A operación permitiu a Steve Jobs conseguir os compoñentes necesarios para iniciar a produción. Jobs, Wozniak e Ronald Wayne fundaran Apple Computer Company o 1 de abril dese ano.
A produción total foi duns 200 exemplares, dos que aproximadamente 175 chegaron a venderse ata 1977. Segundo o rexistro especializado Apple-1 Registry, coñécense 74 unidades verificadas, e só unha parte delas continúa en funcionamento. O exemplar Hatfield figura no posto 48 dese rexistro e destaca por conservar a súa procedencia, a sinatura de Wozniak e a única correspondencia asinada por Jobs que se coñece asociada a un Apple-1.
