
A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), en colaboración co Concello de Ferrol, organiza o curso Ciclo de IA: do chat á automatización empresarial, unha acción formativa gratuíta destinada a achegar ás persoas participantes as posibilidades da intelixencia artificial aplicada á actividade empresarial.
O programa ten unha duración de 12 horas, distribuídas en seis sesións presenciais de dúas horas cada unha, que se celebrarán os días 21 e 28 de outubro e 4, 11, 18 e 25 de novembro de 2026, en horario de 10.00 a 12.00 horas. As sesións terán lugar na sede de COFER en A Malata en Ferrol. A formación será impartida por Hyliacom.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar o coñecemento e a aplicación práctica das ferramentas de intelixencia artificial no ámbito empresarial, desde o uso de asistentes personalizados ata a automatización de tarefas e a integración da IA nos procesos de traballo.
O ciclo estrutúrase en seis xornadas temáticas. A primeira, centrada nos asistentes personalizados e na xestión do coñecemento interno, abordará a creación de asistentes adaptados á documentación e ás necesidades de cada empresa. A segunda estará dedicada á automatización de procesos sen programación (No-Code), incluíndo a conexión da IA con ferramentas habituais como o correo electrónico, Excel ou os sistemas de xestión empresarial.
A terceira sesión tratará a xeración de contidos multimedia e activos de marca mediante intelixencia artificial, con aplicacións para a creación de imaxes, vídeos, audios e materiais comerciais. Na cuarta abordaranse os axentes intelixentes aplicados á atención ao cliente e á xestión da información, incluíndo a automatización de respostas, o filtrado de comunicacións e a análise de fontes externas.
A quinta xornada centrarase na enxeñaría de datos e na obtención de respostas estruturadas que poidan integrarse noutros programas e fluxos de traballo. Finalmente, a sexta sesión introducirase nas tecnoloxías de conectividade e integración da IA cos sistemas e arquivos locais das empresas, con especial atención ao Model Context Protocol (MCP) e ao uso de APIs.
Esta proposta formativa busca “ofrecer unha visión práctica das posibilidades que ofrecen este tiop de tecnoloxías disruptivas para optimizar tarefas, mellorar a xestión da información, reforzar a comunicación e avanzar cara a modelos de traballo máis eficientes”.
A inscrición é gratuíta, con prazas limitadas, e está dirixida a persoas traballadoras por conta allea, autónomas e desempregadas.
