
A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra (UVigo) acolleu onte a xornada Crea o teu futuro dixital con WordPress nunha mañá, que buscou familiarizar ao alumnado nas utilidades e segredos do xestor de contidos web máis empregado no mundo. Tamén se puxo o foco no WordPress Campus Connect, un programa principalmente dirixido a estudantado universitario, promovido pola comunidade global de WordPress e no que se insiren múltiples eventos en diferentes países. Entre eles, o desenvolvido na mañá deste xoves no campus e que abrangueu relatorios sobre as aplicacións da IA no deseño web e sobre o uso de métricas para optimizar páxinas.
Organizada polo desenvolvedor web Juan Hernando e o profesor da facultade e vicerreitor de Docencia e Transformación Educativa, Xabier Martínez Rolán, a inauguración desta xornada contou coa participación da vicerreitora do campus, Marián Fernández, e do coordinador do Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais, Javier Abuín.
Nesta presentación, Martínez Rolán subliñou a importancia de “reivindicar o software libre” e convidou ao alumnado participante a atopar en WordPress “un aliado” no seu futuro labor profesional. Nesa mesma liña, Fernández salientou o positivo de xornadas que achegan á UVigo profesionais de “referencia, cos que poder compartir coñecemento e formación”, aspecto no que tamén incidiu Abuín.

Community engagement da empresa Weglot e co-organizador da WordCamp Galicia, Hernando lembrou a colaboración que a comunidade local de WordPress mantén desde 2018 coa Universidade. Esta, recordou, contribuíu tanto o impulso en Pontevedra dunha WordCamp que neste 2026 se traslada á Coruña, tras converterse nun evento autonómico, como a organización en 2025 primeiro WordPress Campus Connect que se celebraba en Galicia.
“É un evento que posibilita achegar ao estudantado un xestor de código aberto que actualmente impulsa máis do 40% dos sitios web do mundo”, salientou, ao tempo que presentaba ao alumnado “o mundo de oportunidades profesionais” que pode abrirlles esta ferramenta.
Das posibilidades da IA á creación dunha web desde cero

Deseñadora de negocio dixital, Ana Cirujano abriu a xornada abordando como a intelixencia artificial pode axudar no deseño dunha páxina web, en aspectos como a ordenación de contidos, “decidir que información é máis importante”, revisar a xerarquía visual ou “mellorar unha mensaxe”, apuntan desde a organización. Nese senso, o obxectivo deste coloquio era amosar ao alumnado como “incorporar a IA ao proceso de deseño como unha ferramenta para analizar, propor, comparar e revisar, sen delegar nela o deseño completo nin acabar con resultados xenéricos ou difíciles de manter”.
Enxeñeiro de software en Automattic, a empresa que desenvolve WordPress.com, Javier Tiniaco centrou o segundo relatorio no traballo con diferentes métricas, co propósito de que as e os participantes puidesen ver “como pasar da intuición” respecto do que fan os usuarios e usuarias, a decisións “mellor fundamentadas, usando datos”.
A xornada completouse co taller Crea a túa web en WordPress desde cero, impartido polo desenvolvedor de software en Automattic Javier Amieiro, quen afondou en cuestións como a configuración dun sitio web, a elección dun deseño acorde co proxecto, a incorporación de contidos ou o manexo das ferramentas básicas do editor.
