
PuntoGal publicou un folleto con dez recomendacións para utilizar redes Wi-Fi públicas en aeroportos, estacións, hoteis ou cafeterías e reducir os riscos asociados a estas conexións. A guía propón medidas sinxelas que permiten aproveitar as vantaxes destas redes sen descoidar a protección dos dispositivos e dos datos persoais.
O decálogo parte da idea de que unha rede Wi-Fi pública non ten por que ser necesariamente insegura. O nivel de protección depende de factores como a rede á que se accede, o estado do dispositivo e as actividades que se realizan durante a conexión. Por iso, as recomendacións abranguen as precaucións que convén adoptar antes de conectarse, mentres se utiliza a rede e ao rematar.
Entre as medidas previas figura comprobar o nome exacto da rede e contrastalo coa información facilitada polo establecemento. Tamén se aconsella desactivar a conexión automática ás redes Wi-Fi, para evitar que os dispositivos se conecten sen que o usuario o saiba a puntos de acceso fraudulentos.
Manter actualizados o sistema operativo, o navegador e as aplicacións é outra das recomendacións, xunto coa activación da autenticación en dous pasos e o uso dunha VPN de confianza cando sexa necesario. A guía lembra, ademais, que cómpre verificar a lexitimidade das páxinas web antes de introducir información persoal, xa que unha conexión HTTPS non garante por si soa que o sitio sexa auténtico.
As operacións de banca electrónica, os pagamentos e as consultas de información persoal ou laboral son actividades que PuntoGal recomenda reservar para conexións de confianza. Sempre que sexa posible, nestes casos é preferible recorrer aos datos móbiles ou crear un punto de acceso persoal.
O folleto tamén aconsella desactivar o intercambio de ficheiros e o Bluetooth cando non se necesiten, así como evitar a instalación de programas e a aceptación de peticións inesperadas durante a conexión. Estas medidas contribúen a reducir a exposición dos dispositivos ante posibles ameazas.
A publicación enmárcase no traballo de sensibilización sobre seguridade dixital que PuntoGal desenvolve en colaboración con ciber.gal e coa Global Cyber Alliance.
