
A agardado smartphone encartable de Apple, o iPhone Duo, vén de abrir o seu proceso de compra (aínda que non se entregará ata o vindeiro día 23, cando chegará fisicamente ás tendas). A poucos minutos da apertura das vendas os prazos de entrega indicados pola páxinas web de Apple eran de 7-8 semanas, polo que podemos entender que as unidades que van chegar ao mercado serán bastante limitadas.

O iPhone Duo incorpora a pantalla máis grande que Apple instalou nunca nun iPhone. Ao abrilo, o dispositivo convértese no teléfono máis fino da marca e ofrece unha pantalla interior un 50 % maior ca a do iPhone 18 Pro Max, pensada para consumir contidos, xogar e executar varias aplicacións á vez. Cando está pechado, a pantalla exterior de 5,4 polgadas conserva o 90 % da superficie de visualización do iPhone 18 Pro nun formato compacto, cun factor de forma que lembra ao dun pasaporte.
O deseño inclúe unha bisagra de precisión e unha arquitectura de dobre batería para ofrecer autonomía durante toda a xornada. Funciona cun procesador A20 Pro e iOS 27, sistema operativo que se adaptou profundamente aos cambios de orientación e tamaño da pantalla do iPhone Duo, aproveitando ao máximo o espazo de pantalla dispoñible.

A pantalla interior permite traballar con dúas aplicacións simultaneamente mediante Split View e alternar entre programas con rapidez. O modo En Repouso tamén funciona nas pantallas interior e exterior sen necesidade de conectar o teléfono á corrente, de xeito que pode empregarse como reloxo de mesa, marco dixital ou centro de widgets.

Equipa unha cámara principal Fusion de 48 megapíxeles, un teleobxectivo con zoom óptico de dous aumentos e unha cámara ultra gran angular Fusion de 48 megapíxeles, que tamén permite realizar fotografías macro. Na parte frontal, a cámara Center Stage captura fotos e vídeos en calquera orientación sen necesidade de xirar o teléfono para facer autofotos horizontais. A pantalla interior incorpora, ademais, unha cámara FaceTime para realizar videochamadas co dispositivo aberto ou apoiado sobre unha superficie.
O iPhone Duo ten certificación IP68 de resistencia á auga, ás salpicaduras e ao po. Está dispoñible nos acabados branco estelar e ceo nocturno a un prezo que parte dos 2.339 euros.
Fundas dispoñibles

Apple acompaña o lanzamento con dúas fundas. A funda Folio, dispoñible en azul mariño e marrón topo, integra un soporte que permite axustar o ángulo do teléfono para ler, ver contidos ou realizar videochamadas. A segunda funda, máis fina e lixeira, conta cunha estrutura de dúas pezas que protexe ambas as caras do dispositivo e poderá adquirirse en cor area e azul mariño. As dúas fundas son compatibles coa carga mediante MagSafe, Qi2 de 25 watts e Qi. Os imáns integrados permiten aliñar os accesorios co teléfono para facilitar a fixación e a carga sen fíos.
