
A tecnolóxica galega Visual Publinet obtivo o certificado de Peme Innovadora de AENOR, un recoñecemento que acredita a capacidade da empresa para integrar a innovación na súa actividade, os seus procesos e a súa evolución tecnolóxica.
En palabras da firma, a certificación supón “un novo fito” na traxectoria da axencia, centrada en ámbitos como o deseño e desenvolvemento web, a mercadotecnia dixital, o posicionamento SEO e GEO, a publicidade en liña, a intelixencia artificial e a transformación dixital.
O certificado de Peme Innovadora baséase na especificación técnica AENOR EA 0047, que avalía distintos indicadores vencellados á capacidade innovadora das pequenas e medianas empresas, entre eles os recursos destinados a I+D+i, a organización dos procesos de innovación, os recursos humanos e a xeración de resultados derivados destas actividades.
Para Visual Publinet, “este recoñecemento apoia unha forma de traballar baseada na mellora continua e na incorporación de novas tecnoloxías e metodoloxías aos servizos da empresa”. E engade: “A evolución do posicionamento en buscadores cara a contornas xenerativas, a aplicación de intelixencia artificial en procesos internos e proxectos para clientes, o desenvolvemento de novas solucións dixitais e a máis incorporación de novas canles publicitarias forman parte desta aposta pola innovación da nosa firma”.
Dende hai anos a compañía foi adaptando a súa oferta aos cambios da contorna dixital co obxectivo de axudar a empresas e organizacións a mellorar a súa presenza en liña, optimizar procesos e aproveitar novas oportunidades de crecemento.
A empresa anunciou que vai continuar traballando na incorporación de ferramentas e procesos que permitan mellorar tanto a eficiencia interna como o valor achegado aos seus clientes.
