
A nova edición do ciclo Educación século XII de Abanca porá o foco en como previr usos prexudiciais das novas ferramentas. Máis polo miúdo, falarase de saúde mental, de como inflúen as redes sociais na autoestima dos adolescentes, do que é a manosfera ou de como a pornografía condiciona o que os máis novos cren que significa ser home.
Son algunhas das preguntas que tratarán as dúas conferencias coas que Afundación, a Obra Social de Abanca, inicia o 28 de outubro unha nova edición de Educación século XXI.
A psicóloga María Gómez, coñecida en redes sociais como @merigopsico, abrirá o ciclo na Sede Afundación Pontevedra, no mes do Día Mundial da Saúde Mental, conMedrar hoxe: saúde mental, redes sociais e autoestima.
O 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, será a quenda do psicólogo e consultor de igualdade Iñaki Lajud, que levará á Sede Afundación Vigo o seu Obradoiro de prevención de condutas sexistas.
Cada curso, Educación século XXI convida a especialistas da psicoloxía, a pedagoxía, a medicina ou o dereito a compartir coa comunidade educativa o seu coñecemento sobre os asuntos que marcan a actualidade nas aulas e nas familias.
As dúas charlas teñen unha sesión para estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos e outra para docentes, familias e público adulto, e poden seguirse en persoa ou a través de Afundación TV. Os centros escolares poden inscribirse para participar na web de Afundación. Para a asistencia libre ás charlas, quedan aínda algunhas entradas dispoñibles en Ataquilla.com.
Saúde mental e pantallas, a debate en Pontevedra
O Auditorio da Sede Afundación Pontevedra acollerá o 28 de outubro a conferencia de María Gómez, que propón comezar por aclarar que abrangue realmente a expresión saúde mental. A resposta, explica a psicóloga, ten que ver coa soidade, as relacións cos demais, a autoestima ou o benestar emocional, pero tamén cun contexto no que as pantallas e as redes sociais condicionan a forma de relacionarse e de sentirse. Na sesión da mañá, dirixida a estudantes, exporá a pregunta E ti que farías? e traballará con eles estratexias prácticas para recoñecer o contexto, identificar os desafíos e buscar maneiras concretas de responder ao que lles pasa. Na sesión vespertina, ás 19.00 h, aberta a profesorado, familias e público xeral, repasará mitos e realidades sobre a saúde mental, os sinais aos que convén prestar atención, o impacto das redes sociais e os factores de risco e de acompañamento. María Gómez é psicóloga e divulga en redes sociais como @merigopsico, onde conta con máis de 690.000 seguidores, contidos sobre saúde mental e sobre un uso da tecnoloxía con propósito.
Masculinidade, pornografía e prevención en Vigo

A segunda cita chegará o 25 de novembro ao Auditorio da Sede Afundación Vigo. Iñaki Lajud, psicólogo e consultor de igualdade, dirixirá o Obradoiro de prevención de condutas sexistas. Nel, abordará a perspectiva de xénero, a influencia da pornografía nas expectativas de mozos e mozas, que é a manosfera e por que conecta emocionalmente con parte da mocidade, os custos do modelo tradicional de masculinidade e a pirámide da violencia, que vai dos comportamentos máis sutís aos máis explícitos.
Cultura por alimentos
As dúas conferencias forman parte de Cultura por alimentos, a iniciativa coa que Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) propoñen unha entrada solidaria. Quen asista pode achegar alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade nos colectores situados á entrada de cada sede, que despois se entregan ao banco de alimentos da cidade.
