
Manuel González Penedo, director do CITIC da UDC, participou o 15 de outubro nunha xornada do Clúster TIC na Cidade das TIC da Coruña para presentar a actividade investigadora e o potencial tecnolóxico do centro: a traxectoria e as principais capacidades dunha entidade creada en 2008 para impulsar a excelencia na investigación e o desenvolvemento aplicados ás Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, así como de favorecer a transferencia dos seus resultados á sociedade.
González Penedo explicou que o CITIC da UDC estrutura a súa actividade arredor de cinco grandes áreas científicas: ciberseguridade, ciencia e enxeñaría de datos, computación de altas prestacións, intelixencia artificial e servizos e redes intelixentes. Estas áreas, sinalou, “permiten abordar retos tecnolóxicos en ámbitos moi diversos, desde a aplicación da intelixencia artificial á saúde ata o desenvolvemento de tecnoloxías inclusivas adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade”. Engadiu que a actividade do centro abrangue tamén ámbitos emerxentes como a computación cuántica, a través de espazos científicos estratéxicos como o Quantum Lab.

Entre os datos presentados durante a xornada destacou tamén “a elevada presenza de mulleres entre o persoal investigador e técnico adscrito ao CITIC da UDC”, unha proporción “especialmente significativa” nun ámbito como o das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, tradicionalmente marcado por unha menor representación feminina.
Investigación orientada á transferencia de coñecemento
Segundo explicou, “a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo constitúe unha das dimensións destacadas da actividade do CITIC”, que conta cunha carteira de 59 proxectos, así como unha captación superior a 1,5 millóns de euros ao ano. A actividade abrangue proxectos de ámbito rexional, nacional e internacional, e inclúe iniciativas de colaboración con distintos sectores económicos e sociais.
Engadiu que o CITIC conta tamén con instalacións e demostradores tecnolóxicos que permiten explorar e desenvolver novas solucións, entre eles un laboratorio de realidade virtual e localización, un centro de procesamento de datos, un laboratorio de robótica, un laboratorio de impresión 3D e o Museo 8 Bits.
Compromiso coa sociedade e a divulgación científica
Penedo lembrou que “máis alá da investigación o CITIC da UDC promove iniciativas destinadas a achegar a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía” e entre as súas liñas de actuación destacan o fomento das vocacións científicas entre a mocidade, a redución da fenda entre ciencia e sociedade e o desenvolvemento de tecnoloxías máis accesibles para as persoas con discapacidade.
O centro impulsa visitas escolares e colaboracións con entidades sociais, como a Asociación de Dano Cerebral da Coruña, orientadas ao desenvolvemento de produtos tecnolóxicos de apoio, destacou, poñendo o foco en que tamén promove actividades colaborativas nas que as persoas participantes afrontan retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral, contribuíndo así á sensibilización sobre a discapacidade e á importancia do deseño inclusivo.
A participación de Manuel González Penedo nesta xornada permitiu dar a coñecer as capacidades do CITIC da UDC en investigación, desenvolvemento tecnolóxico e transferencia de coñecemento, así como reforzar o diálogo e a colaboración cos distintos axentes do ecosistema TIC.
