
A Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, reafirmou hoxe o seu compromiso de acompañar ás empresas na adopción da intelixencia artificial, defendendo que a regulación “debe converterse nunha vantaxe competitiva e non nunha barreira para a innovación”. Así o trasladou o seu director, Alberto Gago, durante un encontro empresarial organizado polo Nordés Club Empresarial, no que puxo en valor o papel da Axencia como organismo de supervisión, pero “tamén de apoio e orientación ao tecido produtivo”.
Durante a súa intervención, o director da AESIA destacou que “as empresas teñen a capacidade de transformar a intelixencia artificial en crecemento económico, emprego e competitividade, nun contexto marcado por unha rápida evolución tecnolóxica”. Neste escenario, subliñou a vontade da Axencia de traballar de forma próxima coas organizacións “para facilitar unha adopción segura, responsable e aliñada co marco regulamentario europeo”.

Lembrou tamén como “en pouco máis de ano e medio, a axencia estatal AESIA pasou de ser un proxecto en construción a consolidar un equipo multidisciplinar de cincuenta profesionais e despregar mecanismos de supervisión, formación, atención á cidadanía e cooperación internacional”.
Alberto Gago puxo o foco no desenvolvemento da primeira contorna de probas regulada de intelixencia artificial de Europa, impulsado por España para axudar ás empresas para prepararse ante a entrada en vigor do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial (RIA).
“Como resultado desta experiencia pioneira”, dixo, “elaboráronse 16 guías prácticas e metodoloxías que hoxe están ao dispor de empresas e organizacións para facilitar o cumprimento das novas obrigas regulamentarias e fomentar unha implantación máis segura dos sistemas de IA”.
Gago destacou ademais que” esta iniciativa concluíu con éxito e sen ningún tipo de incidente”, demostrando que “se pode compatibilizar a innovación tecnolóxica coa protección dos dereitos fundamentais”. A experiencia española “converteuse así nunha referencia para a aplicación práctica da normativa europea sobre intelixencia artificial”, salientou.
Así mesmo, o director da Axencia lembrou outras iniciativas ao dispor das compañías, como o Laboratorio de Ideas en Intelixencia Artificial, integrado por 27 especialistas que traballan en ámbitos como menores, mulleres, emprego e desinformación; o desenvolvemento de máis de 500 accións de alfabetización en IA; e a posta en marcha dunha caixa de correos de consultas que atendeu máis de 1.200 peticións relacionadas con intelixencia artificial e o novo marco regulamentario.
No ámbito internacional, recordou que a AESIA “participa activamente nos traballos de implementación do Regulamento Europeo de IA e asesora a máis dunha decena de países, ademais de colaborar con Nacións Unidas en cuestións relacionadas coa gobernanza desta tecnoloxía”.
Durante o encontro, Alberto Gago defendeu que Europa apostou por “un modelo baseado na innovación responsable, capaz de combinar desenvolvemento tecnolóxico, protección de dereitos e seguridade xurídica”. Seguindo este fío, recordou “que calquera empresa que opere no mercado europeo deberá cumprir as normas establecidas polo Regulamento de IA, con independencia de onde desenvolva a súa tecnoloxía ou teña a súa sede”.
O director da AESIA concluíu reiterando “o compromiso da Axencia de acompañar ás empresas neste proceso de transformación tecnolóxica e de seguir traballando para que España consolide a súa posición como referente internacional nunha intelixencia artificial na que se poida confiar, promovendo un modelo no que innovación e confianza avancen da man”.
