
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) puxo en marcha un dispositivo especial de apoio á campaña MercaNaVila 2026, iniciativa promovida pola Deputación da Coruña, co obxectivo de facilitar o acceso aos bonos da campaña, ampliar a difusión da iniciativa e animar a cidadanía a aproveitar esta oportunidade para realizar as súas compras nos establecementos adheridos.
A ABE quere que “ningunha persoa deixe de beneficiarse da campaña por non saber como descargar os bonos”. Para conseguilo, a asociación preparou unha campaña de promoción nas redes sociais (no Facebook, en Instagram e en breve no Youtube) cun vídeo explicativo, en clave “simpática e próxima”, que mostra dun xeito sinxelo como acceder aos bonos e descargalos. A acción complétase con publicidade dixital para dar a coñecer a iniciativa máis alá do propio municipio e atraer compradores a Boiro.
Para a ABE, un dos aspectos máis destacados da campaña é que non é necesario residir en Boiro para descargar e utilizar os bonos nos establecementos adheridos do municipio. De feito, explica a asociación, “poden beneficiarse persoas doutros concellos, sempre que cumpran as condicións da convocatoria”. A iniciativa abrangue a provincia da Coruña e está dirixida a impulsar as compras no comercio local dos municipios participantes de menos de 20.000 habitantes.
“Deste xeito, MercaNaVila representa unha oportunidade para que persoas de toda a contorna, e mesmo de fóra de Boiro, se acheguen ao municipio e aproveiten os descontos para facer as súas compras nos negocios locais”, informou a ABE.
Descontos de ata 30 euros por compra
Os bonos MercaNaVila ofrecen descontos directos en función do importe da compra, de acordo cos seguintes tramos:
- De 20 € a menos de 30 €, 10 euros de desconto.
- De 30 € a menos de 50 €, 20 euros de desconto.
- 50 € ou máis, 30 euros de desconto.
Estes descontos permiten aforrar nas compras e, ao mesmo tempo, contribúen a dinamizar a actividade económica dos establecementos adheridos. A ABE anima a consultar as condicións de utilización dos bonos e a comprobar os negocios participantes antes de realizar as compras.
Un punto de información para axudar a descargar os bonos

Ademais da promoción dixital, a ABE habilita desde hoxe un punto de información itinerante, atendido por dúas persoas que axudarán a descargar os bonos directamente nos teléfonos móbiles e resolverán as dúbidas das persoas interesadas.
O servizo pretende eliminar as posibles dificultades tecnolóxicas e facilitar que calquera persoa interesada poida acceder á campaña. O punto de información funcionará de 11.00 a 13.00 horas nas seguintes localizacións:
- Martes 20 de outubro: Mercado Municipal.
- Mércores 21 de outubro: rúa Principal, xunto ao bar Castelao.
- Xoves 22 de outubro: zona peonil, xunto ao Café Ágora.
- Venres 23 de outubro: zona peonil, xunto á libraría El Cisne.
- Sábado 24 de outubro: Mercado Municipal.
As persoas que precisen axuda só terán que achegarse ao punto de información para recibir asistencia durante o proceso de descarga.
O novo calendario ABE 2027, agasallo para as 300 primeiras persoas

A asociación completará estas accións cun incentivo especial: as 300 primeiras persoas que visiten o punto de información recibirán o novo calendario ABE 2027.
Con esta iniciativa, a asociación aproveita a chegada do seu tradicional calendario para manter o contacto coa veciñanza, achegar información sobre MercaNaVila e animar a máis persoas a participar na campaña.
Desde a ABE destacan “a importancia de combinar a difusión dixital coa atención presencial para que as oportunidades que ofrecen estes bonos cheguen ao maior número posible de persoas”. A asociación anima tanto á veciñanza de Boiro como ás persoas doutros municipios a informarse, descargar os seus bonos e aproveitar os descontos nos establecementos adheridos.
